Ir o contido principal
iniciar sesión

NÓS estrena en la sede del CDG el espectáculo teatral de Fernando Espelde, dirigido por Tito Asorey: El mundo persistente

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A sede do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro de Santiago de Compostela será o escenario o mércores 1 de xuño da estrea de ‘O mundo persistente’, o novo espectáculo do Proxecto NÓS Territorio (es)Cénico Portugal Galicia. A compañía teatral da Consellería de Cultura coordinou a produción desta montaxe como integrante deste programa de encontro teatral co país veciño, no que tamén participan a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, as escolas superiores de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa e de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) do Porto, e os teatros nacionais portugueses D. Maria II e São João.

A estrea de ‘O mundo persistente’ foi presentada en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora do CDG, Fefa Noia; a vicedirectora da ESAD, Cristina Domínguez; e o director artístico do espectáculo, Tito Asorey. Todos eles destacaron como prioridade desta iniciativa, que botou a andar en 2015 coa montaxe ‘Bilingue/Bilingüe’, a creación dunha rede de circulación de artistas novos nun contorno de traballo profesional, que incide, ao tempo, no impulso das relacións entre as escenas de Galicia e Portugal.

Para encabezar esta nova montaxe, contouse co autor Fernando Epelde e co director de escena Tito Asorey, dous destacados nomes da escena galega que, a pesar da súa xuventude, posúen xa unha sobresaínte traxectoria profesional avalada por numerosos recoñecementos. O resto do equipo artístico intégrano mozas e mozos que están a finalizar os seus estudos nas devanditas escolas de Vigo, Lisboa e Porto.

Neste caso, a representación da ESAD corre a cargo de Tamara Urbano e Germán Álvarez como parte do elenco interpretativo, José Manuel Faro na iluminación e Javier Lojo como axudante de dirección e editor de son e vídeo. Pola banda portuguesa, tamén interveñen no espectáculo os actores João Cachola, Marta Dias, Hugo Olim e Vicente Wallenstein; Miguel Costa, no deseño da escenografía; Sofía Rodrigues, no do vestiario e figurinos; e Mariana Silva, na rexedoría.

A obra, escrita especificamente para este proxecto por Fernando Epelde, toma o seu título do termo que se emprega no ámbito dos videoxogos para denominar os universos virtuais que sobreviven en ausencia do xogador. A montaxe está protagonizada por un grupo de mozos e mozas que se relacionan de xeito virtual, falando sempre a través de pantallas e sen compartir espazos físicos, de xeito que ese ‘mundo persistente’ tornouse para eles na única alternativa interesante fronte ao mundo exterior. Pero todo cambia cando un enferma e a mesma morte (en formato pixelado, pero morte ao fin e ao cabo) se lle aparece e lle propón emprender unha viaxe polo mundo real na compaña dos seus amigos.

O espectáculo poderá verse no Salón Teatro Santiago do 1 ao 5 de xuño, con funcións ás 21.00 horas de mércores a sábado e ás 18.00 horas o domingo. A venda anticipada de entradas está xa dispoñible a través da web entradas.abanca.com, mentres que o despacho de billetes do teatro estará aberto ao público desde dúas horas antes do comezo de cada representación.

A continuación, ‘O mundo persistente’ porá rumbo cara ao Porto para ser escenificado no Teatro Carlos Alberto (TeCA) –unha das sedes do São João– do 8 ao 12 de xuño e a Lisboa, onde ten programados outros cinco pases do 15 ao 19 de xuño no Teatro D. Maria II.

Se a produción en 2015 de ‘Bilingue/Bilingüe’, espectáculo inaugural do Proxecto Nós, estivo coordinada desde Portugal, desta volta é o Centro Dramático Galego o que liderou a posta en marcha deste segundo título. Tanto para as quince funcións programadas como durante as diferentes fases dos ensaios desenvolvidos no TeCa, na ESAD e no propio Salón Teatro, cóntase ademais co apoio técnico e loxístico das tres escolas e dos tres centros de produción implicados neste programa de intercambio.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.