Ir o contido principal
iniciar sesión

Santiago Auserón interpreta con la Real Filharmonía de Galicia una selección de temas de su etapa de Radio Futura y Juan Perro

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del Concello de Santiago de Compostela:

O mércores 15 de xuño, o cantante e compositor Santiago Auserón ofrece un concerto xunto á Real Filharmonía de Galicia, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. O artista presentaba este proxecto en rolda de prensa, xunto ao alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Martiño Noriega; e a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

A Real Filharmonía de Galicia poñeralle música á voz do zaragozano, que interpretará unha selección de cancións, na súa maioría de Juan Perro e tamén algunha da súa etapa en Radio Futura, baixo a batuta do mestre Ricardo Casero e acompañado pola guitarra acústica de Joan Vinyals. Neste concerto sinfónico, o público terá a oportunidade de escoitar un total de 16 cancións do artista, temas tan populares como "Río Negro", "El forastero", "El canto del gallo", "La mala fama", "Annabel Lee" ou "La negra flor", xunto á estrea de "El desterrado, "un tema dedicado aos españois que se están buscando a vida fóra".

"Veño a desfrutar dunha das entidades musicais máis prestixiosas de España, a Real Filharmonía de Galicia. Puiden comprobar nos ensaios unhas calidades tímbricas excelentes. Espero que sexa un evento que se lembre con agarimo porque vai ser un concerto moi fermoso", manifestou o músico.

O artista indicou que "os azares da vida e a evolución da música permitiron que un cantante rueiro e autodidacta se achegara ao mundo da orquestra, coa axuda dos arranxos da compositora Amparo Edo. Grazas a iso podo soñar con escoitar os meus temas cunha sonoridade que aspire a captar algo de certos músicos de formación clásica que aceptaron os riscos da escena popular como Kurt Weill, o Bernstein de West Side Story, o Nino Rota de O Padriño ou Henri Mancini".

"Asumín os riscos de crear un diálogo entre a música que nace das rúas e a música culta, conxuntar os sons coa orquestra para que soe como un só corazón, e saíu ben. Pero precisamente una das vantaxes da música é que non ten fronteiras. E veño a desfrutar cada nota. Non me vou a perder nin un segundo destas intensidades, nin durante os ensaios nin no concerto", sinalou.

Santiago Auserón é "estudante de Filosofía por vocación e músico de oficio porque a vida levoume por aí". A principios dos 80 participou na fundación do grupo Radio Futura. En 1993 iniciou unha nova etapa musical baixo o nome de Juan Perro, un proxecto no que combina as tradicións musicais afroamericana, afrocaribeña e hispana; que o levou a conseguir novos recoñecementos en España e Latinoamérica, entre eles o Premio Nacional de Músicas Actuais do Ministerio de Cultura en 2011. Produciu antoloxías históricas de son cubano como a de Compay Segundo. Escribe sobre música e pensamento, imparte conferencias, publica ensaios como La imagen sonora e El ritmo perdido, e o pasado ano obtivo o grao de Doutor Cum Laude en Filosofía cunha tese sobre música grega antiga.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, fixo referencia a "un concerto moi especial, un concerto que afianza unha liña impulsada dende o Consorcio por abrir novos campos de interacción da orquestra coa cidade, permitindo á xente acceder a unha agrupación de excelentes músicos en espazos diferentes á súa sede, nos propios barrios, e mesturando ademais estilos musicais diversos".

Pola súa banda, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, manifestou que "é un pracer ter en Compostela a un referente para todos nós e poder participar a través da Real Filharmonía de Galicia no seu proxecto Vagamundo, que está a realizar xunto a orquestras por varios puntos de España.


Fotografía: Gabinete de Comunicación del Concello de Santiago de Compostela
R.