Ir o contido principal
iniciar sesión

El Outono Códax Festival 2016 presenta su cartel internacional de música blues encabezado por Lee Fields, Marta Hight y The Pretty Things

Información en la web: http://rainaproductions.com/out/index.php/es/home/

O Outono Códax Festival, o festival galego de música negra, regresa en outubro na que será xa a súa 6ª edición con forzas renovadas e un selecto cartel que se traducen en tres fins de semana (días 7 e 8 e 28 e 29 de outubro, e 11 e 12 de novembro) cheas de soul, rhythm&blues, swing, boogie e rock´n roll.

Un ano máis a emblemática Sala Capitol de Santiago será a sede principal do ciclo que este ano desdobrarase tamén na sala compostelá Riquela, un novo espazo de lecer no centro do casco vello que nace coa vocación de complementar a actual oferta musical e cultural da capital galega e que terá as súas portas abertas ao público o vindeiro mes de setembro. Deste xeito e en conxunto, o Outono Códax 2016 ofrecerá 6 concertos (fronte ás 3 habituais citas de edicións pasadas) cunha decena de artistas e bandas escollidos entre o máis granado do actual panorama internacional, estatal e galego do xénero.

Así, esta 6ª edición do festival –co patrocinio un ano máis de Martín Códax, e coa colaboración de Pousadas de Compostela, así como a de case un cento de establecementos hostaleiros e comerciais da capital galega– ofrecerá a posibilidade de asistir en Galicia a algúns dos directos máis notables e perseguidos da música negra do momento.

Así, serán 2 das grandes voces do soul contemporáneo, Lee Fields e Marta High, e os míticos The Pretty Things, unha das bandas máis importantes do rock´n roll británico de todos os tempos, os que protagonicen con toda seguridade algúns dos momentos máis sonados deste ano.

Xunto a eles, actuarán no Outono Códax dúas das referencias internacionais actuais máis salientables do xénero: Luke Winsloy King (considerado líder dos novos tradicionalistas do son Nova Orleans) e Virgina Brown and The Shameless (banda siciliana que mestura os ritmos afrocubanos co rhythm&blues nunha explosión de enerxía que arrasa alá por onde pasa). Os cataláns Wax&Boogie (convertidos xa nunha das mellores expresións estatais do formato blues, rhythm&blues e boogie woogie) e os asturianos Trash-Tornados (banda de virtuosos que van moito máis alá do neo swing co que habitualmente son etiquetados) redondean un cartel no que a achega galega deste ano, compromiso irrenunciable do festival coa música feita en Galicia, correrá a cargo de dúas das bandas máis prometedoras da escena actual: The Hellbuckers e Andhrea and The Black Cats.

Como nas súas anteriores edicións, o Outono Códax porá en circulación o denominado “Rock´nporte”, un “pasaporte” directo e gratuíto aos concertos para aquelas persoas que realicen consumicións ou compras nos case 100 establecementos hostaleiros e comerciais que colaboran co festival.

Como xa é habitual, o Outono completa a súa proposta musical con distintas actividades paralelas relacionadas co seu ámbito polo que, un ano máis e fiel a esta filosofía, inclúe nesta edición a expo “Rocker, retrato dun espírito”, na que o fotógrafo catalán Antonio Alay ofrece a súa visión sobre a cultura rockabilly e os amantes do rock´n roll clásico, nun traballo no que regresa ao negro en busca das luces da noite, as caras afiadas e os ritmos acelerados. A mostra permanecerá aberta na Fundación Granell de Santiago, do 28 de outubro ao 15 de novembro.

Fotografía: http://rainaproductions.com/out/index.php/es/home/
R.