Ir o contido principal
iniciar sesión

La capital de Galicia celebra las Fiestas del Apóstol 2016, las más largas de los últimos años, apostando por la diversidad y la descentralización

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del Concello de Santiago:

A concelleira de Acción Cultural presentou hoxe o programa das festas do Apóstolo, que arrancarán o venres 15 de xullo. Serán, tal e como salientou Branca Novoneyra, "as festas máis longas dos últimos anos, e tamén as máis intensas".

A edil explicou que a intención do Goberno foi "facer un Apóstolo para todos, con todas as actividades de balde para termos unhas festas democratizadas". Tamén se procurou unha programación descentralizada "para que o Apóstolo vibre dende o centro ata os barrios e o rural, deslocalizando tamén o impacto turístico e facendo que Santiago enteiro estea en festas". A terceira característica da programación será a diversidade, "para que cada un de nós teña un intre do que lle guste, con presenza de todos os xéneros musicais e de todas as artes".

A celebración do Apóstolo comezará o venres 15, co tradicional pregón dende o balcón do Pazo de Raxoi. Desta vez, o encargado de pronuncialo será Anxo Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e responsable do Centro Nacional de Xenotipado, dependente do Instituto de Saúde Carlos III.

A concelleira de Acción Cultural explicou que a elección de Carracedo responde á intención do Goberno de recoñecer "o traballo e a valía deste científico, que un día será Premio Nobel se o mundo é xusto".

No apartado musical, a aposta da Concellaría de Acción Cultural volve ser pola diversidade e a apertura. Ademais, todos os concertos serán de balde. O primeiro deles, tras o pregón de Anxo Carracedo na praza do Obradoiro, será o dos portugueses Deolinda, que presentará o seu novo disco, Outras historias.

Tras o éxito acadado o pasado ano, na programación vólvese reservar unha noite para as bandas galegas. Será o 21 de xullo na praza da Quintana, coas actuacións de Caxade, Cró!, Terbutalina, Familia Caamagno e Maladrómeda. O 25 de xullo tamén terá acento galego na Quintana, con Samesugas e Ruxe Ruxe, e o 31 con Roi Casal.

A praza da Quintana será escenario dos grandes concertos internacionais do Apóstolo: a nixeriana Nneka o 18 de xullo, Charles Bradley & His Extraordinarires o 23 de xullo; DandyWarhols o día 26; Molotov Jukebox e Os Crebinsky o mércores 27; e Nik West e Mambo Jambo o venres 29.

A Concellaría de Acción Cultural volve apostar polo proxecto Artellando para garantir unhas festas que cheguen a toda a cidadanía, a todos os barrios e mesmo á zona rural. Dentro deste programa, que se desenvolverá do 18 ao 24 de xullo, haberá ata 16 espectáculos infantís nos barrios, en colaboración coa rede de Centros Socioculturais.

Na sección "Artellando nos recunchos" prográmanse propostas de danza contemporánea, circo ou música en pequenas prazas da cidade histórica, como Santa Agostiño, San Martiño Pinario, San Clemente ou a praza da Oliveira. Serán todos os días da semana do 18 ao 24 de xullo, sempre ás nove da noite. Máis tarde, ás 23:00 horas, e sempre na praza do Toural, desenvolverase o "Artellando na noite", coas actuacións de Antonio Lizana, Luiz Caragol, Maria Rodés e Talabarte.

Dentro do "Artellando" tamén teremos sesións vermú con Mr. Cool e Felipe Criado, o xoves 21 na praza de Cervantes, e o sábado 23 na Pescadería Vella, nos dous casos ás 13:00 horas. O programa complétase con dúas propostas para o venres 22: a partir das 22:30, o parque de Belvís acollerá Circompostela, a Gala do Circo Compostelán; e a praza do Toural será escenario ao longo de toda a xornada de Baile Assalto, con obradoiros para aprendermos distintos tipos de baile.

O público infantil é outra das grandes apostas da programación do Apóstolo. Despois do éxito de 2015, volve a Romaría Cativa ao parque de Bonaval. Será o sábado 23, con actividades desde as doce do mediodía ata as oito da tarde. Os nenos e nenas poderán gozar de espectáculos de circo con Javi Javichi; da música de Pablo Díaz e a banda do Tic Tac, Xoán Curiel ou As Fadas Magrinhas; ou da maxia de Martín Camiña. Tamén haberá obradoiros de circo e instrumentos musicais, e espazos de xogo, entre outras propostas.

Ademais de introducir novas propostas, a Concellaría de Acción Cultural quixo manter na programación moitas das citas máis tradicionais do Apóstolo. Así, o sábado 16 de xullo celebrarase a Xornada de Folclore Galego na praza da Quintana, coa participación de Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata de Sar e Ultreia. O domingo 24 celebrarase o V Certame Folc La Voz de Galicia, co pasarrúas da charanga O Recobío e os concertos de Uxía Lambona e a Banda Molona, Xosé Lois Romero &Aliboria, Nova Galega de Danza, Andrés Penabad e Riobó.

O 30 de xullo volverá ser o Día do Traxe Galego nas Festas, e celebrarase unha nova edición do Torneo da Chave Festas do Apóstolo na Alameda. Alí tamén se manteñen as habituais actuacións das orquestras.

A Banda Municipal de Música terá tamén o seu protagonismo durante as festas. O domingo 17, na praza da Quintana, ofrecerá un concerto homenaxe a Los Tamara e outros clásicos galegos. Para a ocasión, a formación dirixida por Casiano Mouriño estará acompañada por Rosa Cedrón, Paco Lodeiro, e Miguel Ladrón de Guevara como solistas. O día 21, a Banda estará na praza das Praterías cun recital dedicado aos bailes de salón, no que actuarán os bailaríns Lucía Vázquez e Cristian García. Pola súa banda, a Real Filharmonía de Galicia sumarase ás festas do Apóstolo cun concerto na praza da Quintana o xoves 28.

A programación do Apóstolo complétase co Compostela Sound System (exposición de discos de vinilo e obradoiros de DJ na praza da Quintana), o Campionato de Futbolín que se celebrará no Centro Sociocultural de Vite, a celebración do Compostela Dumb 2016 no antigo colexio Ramón Cabanillas do Castiñeiriño, a Romaría dos Libros na praza de Mazarelos, e a actuación de Carlos Blanco e Luis Dávila na praza da Quintana, o día 30.

Programa completo: http://santiagodecompostela.gal/imxd/noticias/doc/1467884101Brochure.pdf
R.