Ir o contido principal
iniciar sesión

Un estudio de la USC refleja que las redes sociales perpetúan estereotipos de género entre los adolescentes

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Universidade de Santiago de Compostela (USC):

As redes sociais posúen un gran poder socializador e particularmente cando se trata de conformar e reproducir identidades de xénero. Un equipo do Taller Permanente de Novas Masculinidades e Cambio Social do Instituto de Ciencias da Educación da USC chegou a esta conclusión logo de avaliar as opinións de 634 mozos e mozas de 1º e 4º da ESO e ciclo medio do Concello de Santiago. O obxectivo do estudo é reflexionar sobre “a construción de identidades de xénero ou cómo se aprende a ser home a través dos novos amos patriarcais que son as redes sociais”.

A relación destes mozos e mozas coas redes sociais comezan a unha idade “moi temperá e casa coincidente, 11 anos na maioría dos casos en mozos e 12 en mozas”, recolle o estudo que coordina o profesor de Ciencias da Educación Jorge García Marín, quen presentou os resultados nun encontro cos medios de comunicación no que tamén interveu a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez. O investigador chamou a atención sobre a importancia da implicación das familias á hora de xestionar a utilización das redes sociais dos menores e engadiu unha serie de consellos: “canto máis tarde se inician nelas, mellor” dixo en alusión á idade a que comezan os/as menores a manexar redes ao que engadiu tamén a necesidades de controlar os tempos de uso e os contidos difundidos, “son necesarios límites” apunta o investigador xustificando a súa postura.

En xeral, o estudo constatou que os rapaces pasan máis tempo conectados que elas e que existe unha pluralidade de redes sociais a través das que interactúan. A maneira na que se presentan nelas tamén posúe particularidades de xénero: eles soen presentar o seu perfil público utilizando fotos de persoas famosas ou imaxes obxecto relacionadas con coches, motos, fútbol, baloncesto ou personaxes de videoxogos, mentres que elas se decantan por imaxes de natureza romántica, persoal, alusivas á familia, á natureza ou a paisaxes.

Outro capítulo estudado polo equipo do Instituto de Ciencias da Educación foi o uso que lle dedican ás redes os mozos e mozas que participaron nesta avaliación. As rapazas utilízanas para procurar información xeral, transmitir sentimentos ou acadar información sobre traballos escolares, ademais de para quedar coas amizades e subir fotos. Do outro lado, os rapaces aprovéitana para falar coa parella, xogar aos videoxogos, compartir imaxes persoais, coñecer xente nova, evitar o aburrimento e ligar.

Os investigadores incluíron tamén preguntas alusivas á percepción dos perigos asociados á utilización das redes, concluíndo que elas son máis conscientes destes riscos. Na súa opinión consideran que as redes son potencialmente perigosas por permitir o control da actividade, a posibilidade de ser vítimas de chantaxes ou a suplantación da identidade. Respecto deles, a priori, serían menos conscientes dos perigos das redes, cuxo principal risco focalizan na posibilidade de espiar o que fan.

O equipo de investigación encargado da elaboración deste traballo intégrano Jorge García Marín, Ramón Torrente García, Ana María Porto Castro e Mª Josefa Mosteiro García. Como destacaron na presentación, este traballo “comproba a importancia como axente de socialización das redes sociais na conformación e reprodución de identidades de xénero”. A partir deste primeiro paso “é necesario profundar nesta realidade a través dun estudo máis amplo analizando o uso concreto de determinadas redes sociais -cuantitativo e cualitativo- no ámbito autonómico que permita delimitar con máis claridade aspectos cruciais da dominación masculina. Esta primeira toma de contacto demostra as diferenzas nos usos, tempos, perfís e información nas redes sociais segundo xénero”.
R.