Ir o contido principal
iniciar sesión

A liña de acción 'Xogar en Verde' da campaña 'Verdear' fomenta que os eventos deportivos sexan cada vez máis sustentables

Mato Otero recordou que esta actividade forma parte da iniciativa Verdear é a actitude, coa que se pretende mellorar o comportamento ambiental dos galegos e converter os seus xestos e esforzos en hábitos e costumes sustentables que -a súa vez- sexan unha resposta á mitigación dos efectos do cambio climático.

Tal e como explicou a conselleira, o deporte é un vector transversal dunha enorme capacidade para propiciar boas prácticas de sustentabilidade e para aumentar a sensibilidade e conciencia ambiental en todos os sectores sociais. Indicou que a educación e a concienciación son ferramentas fundamentais para promover boas condutas e fomentar a separación e a reciclaxe do volume de residuos que se xera nos campos deportivos, principalmente envases e plásticos (contedor amarelo) e papel (contedor azul).

Grazas a esta iniciativa preténdese dotar aos asistentes e organizadores de eventos deportivos de ferramentas e mecanismos que muden o comportamento dos galegos e apoien actitudes responsables co medio ambiente, é dicir, que incorporen aos valores deportivos a sustentabilidade.

Para axudalos nesta eiva estase a elaborar un manual de boas prácticas ambientais coa descrición das accións que poidan reducir o impacto ambiental destes eventos, dirixido a organizadores e asistentes aos eventos deportivos que lles axudará a coñecer medidas que poden implantar antes, durante e despois do evento.

As guías serán distribuídas entre os diferentes sectores ao longo dos próximos meses e definirán métodos e hábitos para reducir a xeración de residuos, minimizando o uso de materiais desbotables, fomentar a reutilización dos produtos, reducir o consumo de auga, fomentar o uso do transporte público, en bicicleta ou a pé para acceder ao evento, citou Beatriz Mato como exemplo.

Para rematar, a conselleira recordou que a sustentabilidade é cousa de todos e que pequenas accións poden lograr grandes obxectivos á hora de coidar o medio ambiente.
R.