Ir o contido principal
iniciar sesión

O FICBueu proxectará en 9 días preto de 100 curtas galegas e internacionais

Na súa intervención, Jacobo Sutil destacou que este é un dos nove festivais audiovisuais subvencionados pola Xunta de Galicia, canle pola que obtén este ano algo máis de 17.000 euros. “Esta é a terceira ocasión na que este festival consigue financiamento a través desta liña de axudas que iniciamos en 2014, formando parte dunha listaxe de adxudicatarios que abrangue citas tan relevantes e tan variadas en formatos e contidos como son o Play-Doc de Tui, o Festival de Cans, o (S8) da Coruña, o Curtocircuíto e a Mostra de Cinema Etnográfico (as dúas citas en Santiago de Compostela), o Carballo Interplay ou o Chanfaina Lab de San Sadurniño”, enumerou.

Potencialidade de futuro

O director da Agadic referiuse á extensa carteleira de case un centenar de títulos nacionais e internacionais postos ao servizo da reivindicación do xénero da curtametraxe a través do FICBueu, da súa calidade e diversidade actuais e da súa potencialidade e valor de futuro. Entre eles, destacou especialmente os traballos realizados por galegos ou de produción galega que se reúnen na sección especial ‘Galicia R’ programada para o sábado 8 de setembro, xa que “conforman –dixo- unha selecta e representativa mostra da produción de curtas que se dá hoxe en día na nosa Comunidade”. Trátase de ‘Aysha’, de Fon Cortizo, ‘A muller invisible’, de Noemí Chantada, ‘The Neverending Wall’, de Silvia Carpizo; ‘Plus Ultra’, de Helena Girón, e a multipremiada ‘Matria’, de Álvaro Gago.

Na sección oficial internacional concorren 22 títulos, que entran na competición polos galardóns do festival. Ademais do apartado dedicado á produción galega, que contará coa presenza en coloquio dos protagonistas e artífices dos títulos proxectados, o resto das curtas do FICBueu agrúpanse baixo os epígrafes España, Escolas, Xuvenil, Infantil, Escolas e Panorama.

Programación complementaria

Á parte da extensa carteleira de proxeccións, o FICBueu ofrecerá charlas-vermú cos críticos cinematográficos Jordi Costa, Jara Yáñez, Sergi Sánchez e Manu Yáñez; conferencias sobre fotografía e efectos de son; o espectáculo Xogando coa luz (unha proposta artística multisensorial ambientada no mundo do cinema que correrá a cargo dos ilustradores Luis Davila e Marc Taeger); un monólogo especial de Carlos Blanco acompañado pola comparsa local Vou nun bou; un contacontos de cinema con Olalla González; ou o show ao vivo De Galicia a Holywood: salto ou esforzado arrastrarse? protagonizado polo director Rodrigo Cortés, o escritor Juan Gómez-Jurado e o humorista Arturo González-Campos, entre outras actividades.

A inauguración oficial do festival será este venres no Centro Social do Mar, espazo que acollerá a meirande parte da carteleira. O acto iniciarase coa actuación nos exteriores da banda The Alley Stompers, seguerá coa proxección de pezas realizadas no ámbito da área social e rematará co concerto de Xoel López. Os recitais de De Vacas, de Radio Bulebule e da banda de Música Artística de Bueu completan o programa musical.

Ademais, o FICBueu outorga este ano os seus premios de honra á actriz galega Mabel Rivera, ao realizador ourensán Rodrigo Cortés e ao cineasta finlandés Juho Kousmanen.
R.