Ir o contido principal
iniciar sesión

O programa Líderes de Futuro apoia o emprendemento e as capacidades dos mozos e mozas galegos

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, participou hoxe no albergue xuvenil de Gandarío nunha actividade de diálogo estruturado sobre liderado político e participación xuvenil no marco da terceira edición do programa Líderes de Futuro, unha iniciativa de educación non formal centrada no fomento do liderado e a innovación social posta en marcha por este departamento autonómico.

Cecilia Vázquez destacou a importancia de “dar prioridade ao investimento en capital humano, o que implica reforzar a empregabilidade da mocidade, investir nas súas capacidades e axudarlles a aproveitalas". Neste sentido, explicou que o programa Líderes de Futuro ten como obxectivo reforzar o desenvolvemento das competencias clave da xente nova e facilitarlle ferramentas conceptuais e prácticas que lle permita desenvolver no futuro proxectos innovadores con impacto positivo na súa contorna. “O investimento en coñecemento, habilidades e competencias resulta esencial para promover a innovación, a creatividade e a produtividade”, afirmou.

O programa tivo un enfoque basicamente práctico centrado en fórmulas tradicionais de transmisión de coñecemento a través da análise de realidades concretas. Desenvolveuse en catro fins de semana entres os meses de abril e setembro, estruturándose en catro módulos: participación e empoderamento xuvenil; emprendemento e novos modelos de negocio; innovación e emprendemento social; e liderado: características e competencias. Nas catro xornadas participaron un total de cincuenta mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos.

Así mesmo, no transcurso da súa intervención a directora xeral incidiu na relevancia de ter en conta as suxestións da propia mocidade como elemento esencial no deseño e aplicación das políticas públicas. Ao respecto, sinalou que “o método do diálogo estruturado é un instrumento fundamental de participación para a recollida de achegas, demandas e inquedanzas dos mozos e mozas, e que permite contar cunha política de xuventude más eficaz, coordinada e consensuada coas persoas a que esta vai dirixida”.

Nesta liña, engadiu que a través deste diálogo o que se procura “é definir recursos e medidas eficaces e modernas para favorecer a creación de oportunidades para todos eles e elas”. Ademais, apuntou que esta aposta pola participación permite o seguimento e mellora continua das políticas de xuventude, ao tempo que se promove a implicación da xente nova no desenvolvemento político, económico, social e cultural da sociedade, así como tamén no proceso democrático.

O programa Líderes de Futuro enmárcase no apoio que está a prestar a Xunta de Galicia á difusión dos valores do emprendemento, a confianza e o estímulo na xuventude como capital de futuro.
R.