Ir o contido principal
iniciar sesión

Galicia avanza na implantación da administración dixital e, por primeira vez, as xestións online superan ás presenciais

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe o avance de Galicia no eido da implantación da administración dixital onde, por primeira vez, as xestión online superan as presenciais.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que, segundo os datos do primeiro semestre, o 53% dos trámites realizáronse en liña, a través da sede electrónica ou dalgunha das oficinas virtuais, o que supón un crecemento de nove puntos con respecto ao mesmo período de 2017, onde a porcentaxe de documentos presentados a través de internet foi do 44%.

Así mesmo, confírmase tamén un importante incremento no uso que fan os funcionarios da Plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, que evita que aos cidadáns volver presentar documentos que xa están en poder da Administración.

Sobre este punto cómpre salientar que, entre xaneiro e xuño deste ano, realizáronse 3,3 millóns de consultas, o que supón un incremento de máis do dobre, en concreto, un 113% máis que o ano pasado.

En relación ás notificacións electrónicas, Feijóo aseverou que cada vez son máis os usuarios que as reciben, triplicándose neste último ano o seu uso: 137.000 en xuño deste ano, fronte a 43.000 en xuño de 2017.

Pola súa banda, o número de documentos con sinatura dixital pasou de 691.000 no primeiro semestre de 2017 a máis de 1,1 millóns no mesmo período deste ano.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta lembrou que para lograr estes avances, foi necesario acometer outras melloras a nivel interno, como por exemplo: o Arquivo Electrónico Único e a dixitalización das principais Oficinas de Rexistro, oito sedes que concentran o 53% da documentación (Rexistro Xeral, Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense e Rexistro da Amtega).

Feijóo concluíu garantindo o compromiso de se seguir avanzando neste eido, co obxectivo de transformar as oficinas do Rexistro nunha Rede de oficinas de atención á cidadanía, na que se apoie aos galegos para presentar documentación online; e crear a figura do funcionario habilitado, que poderá realizar trámites dixitais en nome doutra persoa.
R.