Ir o contido principal
iniciar sesión

Preto de 147.500 estudantes de ESO, bacharelato e de ensinanzas de réxime especial comezarán o curso 2018/19 o vindeiro luns

ESO

Segundo as estimacións e datos provisionais da Xunta de Galicia, 92.285 alumnos e alumnas comezarán o curso en ESO, o que supón un 1,2 % máis ca no curso 2017/18. Nesta etapa educativa o alumnado non nacionalizado español diminuíu un 8,7 % respecto do curso anterior.

Bacharelato ordinario

Por outra banda os mesmos datos provisionais que manexa a Consellería, indican que 30.494 alumnos e alumnas comezarán o luns as clases de bacharelato ordinario en Galicia, o que supón un 0,9 % menos ca no curso 2017/18.

No caso do bacharelato ordinario o número de alumnos e alumnas sen nacionalidade española a diferenza respecto do ano paso é dun 2,8 % estudantes máis.

Ensinanzas de réxime especial

No que atinxe ás ensinanzas de réxime especial, en concreto no referido ás básicas, de secundaria e bacharelato para adultos e ao bacharelato semipresencial ou a distancia, segundo os datos provisionais o descenso do alumnado, ata os 12.877 estudantes, é do 6,7 % respecto do curso 2017/18.

Pola súa banda, o número total de estudantes nas ensinanzas artísticas e deportivas acada este curso os 11.783, un 3% máis ca no curso anterior. En concreto, nas ensinanzas regradas de música, segundo as estimacións da Consellería, o número de alumnos será de 8840, un 2,1 % máis ca no ano académico 2017/18:

No caso das ensinanzas regradas de danza o número de matriculados é de 351, un 4,6 % menos ca no curso 2017/18; mentres que nas de arte dramática haberá 164 alumnas e alumnos, un 3% máis ca no ano académico anterior.

Así mesmo o alumnado matriculado en ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño medra un 5,9 % ata chegar aos 730 estudantes. Por outra banda, nos estudos superiores de deseño haberá 760 matriculados, un 5,1% máis ca no curso anterior; mentres que nos estudos superiores de conservación e restauración de bens culturais haberá 82 alumnos, 1 máis ca no 2017/18. No caso das ensinanzas deportivas o incremento de alumnado é do 13%, acadando os 856 alumnos.

Formación Profesional

No caso da Formación Profesional –non incluída nos devanditos 147.439 estudantes- a Consellería está aínda a pechar os datos de matriculación, que serán difundidos en datas próximas. Aínda así, a previsión inicial realizada polo departamento educativo da Xunta de Galicia é que –contando tanto os ciclos formativos en réxime ordinario e modular como a FP a distancia, a FP Dual e a nova FP Básica- o número de alumnas e alumnos sexa de preto de 51.000.
R.