Ir o contido principal
iniciar sesión

Cantos na Maré ábrese a máis estilos e públicos na súa nova etapa como Festival de Outono

O encontro pontevedrés conta con apoio económico da Xunta de Galicia como un dos 12 festivais profesionais de música subvencionados en 2018 pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través da convocatoria anual de axudas para este tipo de eventos. Este ano, a achega ascende a 28.297 euros, aos que se suma a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Así o expuxeron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Jacobo Sutil, director da Agadic, nas súas intervencións durante esta presentación, na que compartiron mesa con Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación pontevedresa; Luís García, representante da Câmara Municipal de Évora; a cantante Uxía e Fran Rivera, directora artística e director do festival, respectivamente; e Vítor Belho, responsable de Nordesía.

Formato reforzado

Jacobo Sutil subliñou o labor da empresa Nordesía á fronte de Cantos na Maré, entre outros proxectos culturais, facendo posible que “poidan manterse no tempo ano tras ano e que o fagan, como acontece neste momento, reinventando e reforzando o seu formato para conectar aínda máis espectadores e músicos a través dos sons atlánticos que podemos englobar no ámbito da lusofonía”.

Sinalou, así mesmo, que pese a se celebrar en Galicia, este festival ocupa un lugar importante no eido da difusión exterior da nosa música, “por canto ten de carácter internacional e de intercambio de experiencias musicais entre países”. Neste sentido, lembrou tamén a colaboración da Xunta con importantes citas fóra da nosa Comunidade, como o Womex de Las Palmas de Gran Canaria, a Monkey Week de Seviila, o Celtic Connections de Glasgow ou o Festival Intercéltico de Lorient, para garantir unha destacada representación musical galega nas súas vindeiras edicións.

Lei Paz-Andrade

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística destacou o incremento do apoio da Xunta desde o seu departamento "á que xa está consolidada como a gran festa da lusofonía, unha cita do noso calendario cultural moi agardada que fai posible que Galicia e a súa lingua propia se proxecten e se visibilicen no marco dunha comunidade de 250 millóns de falantes arredor do mundo". Valentín García recordou tamén que esta colaboración con Cantos na Maré se enmarca no programa de accións que a Consellería de Cultura impulsa e apoia ao abeiro da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Paz-Andrade.

O novo Cantos na Maré cambia as súas datas de celebración de xaneiro a outubro, ampliando a catro os días de programación, así como os espazos que acollerán as súas actividades. A organización confirmou xa unha parte importante do seu cartel para esta 14ª edición, con nomes como os da portuguesa Teresa Salgueiro, ex vocalista de Madredeus; o brasileiro Chico César, quen regresa ao festival do que foi un dos primeiros artistas convidados; a galega Mercedes Peón, para presentar o seu quinto disco, Deixaas; as rapeiras lusas Capicúa e Eva RapDiva, xunto coa galega Wöyza; Throes & The Shine, con rock e kuduro desde Portugal e Angola; a mozambicana Selma Uamusse; a brasileira Bia Ferreira; o proxecto Coladera, liderado polo percusionista brasileiro Marcos Suzano; e o músico e poeta caboverdiano Mário Lúcio, ex ministro de Cultura do seu país.

Espectáculo de clausura

A clausura terá lugar o domingo 14, cun espectáculo no que participarán varios destes artistas xunto aos integrantes do proxecto Ath-Thurdá, impulsado polo Concello de Évora dentro das accións promocionais para a candidatura desta localidade portuguesa como Cidade Europea da Cultura en 2027. Nel figuran artistas como Kepa Junkera, alén doutros músicos portugueses como Antonio Bexiga, Beatriz Nunes, Carlos Menezes ou Celina da Piedade.

A organización anunciará nos vindeiros días o resto do seu cartel musical e do programa paralelo, que incluirán sesións de cinema, actividades para nenos ou talleres para músicos e público xeral.
R.