Ir o contido principal
iniciar sesión

Galicia acollerá os días 28 e 29 do vindeiro mes de novembro a celebración do XX congreso estatal de voluntariado

Os temas claves que se abordarán son: participación, cidadanía activa e valores de solidariedade; novas modalidades de voluntariado; áreas de actuación; protagonismo de persoas voluntarias e das entidades de acción voluntaria; afianzamento do voluntariado social; papel das empresas na responsabilidade social empresarial; voluntariado internacional e importancia da certificación das experiencias voluntarias, da súa inclusión no currículo e do seu recoñecemento empresarial como elemento favorecedor da inclusión laboral.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou hoxe este evento ao que se prevé que poidan asistir cerca dun milleiro de persoas e que permitirá o intercambio de experiencias e boas prácticas, coa finalidade de fomentar o voluntariado e mellorar a visibilidade das actividades solidarias que este realiza.

Na súa intervención, Cecilia Vázquez indicou que este foro congregará a todos os actores relacionados co ámbito da solidariedade: organizacións non gobernamentais (ONG’s), administracións públicas, empresariado, medios de comunicación. De tal xeito que constituirá un “importante espazo de reflexión en torno aos problemas de afectan e preocupan a acción voluntaria e as entidades sociais de todo o estado”, apuntou.

Ao respecto, a responsable do departamento autonómico de Xuventude explicou que entre os obxectivos do congreso está o de “debater sobre o futuro do voluntariado, poñendo o énfase na súa valía como elemento dinamizador das accións altruístas como un dos activos máis importantes para avanzar cara unha sociedade mellor”. Así mesmo, salientou a importancia do voluntariado como “un elemento de recoñecemento e de proxección para unha futura empregabilidade das persoas máis novas”.

Ademais, Cecilia Vázquez manifestou que este foro anual de carácter estatal será unha oportunidade para poñer en valor o voluntariado en Galicia. Neste sentido, sinalou que Galicia é a Comunidade Autónoma máis comprometida e con maior índice de participación en materia solidaria, tal e como se desprende do último informe elaborado polo Observatorio da Plataforma do Voluntariado sobre a acción voluntaria en España en 2016. Un documento que corroboran os datos que figuran no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, con 970 entidades inscritas nas que participan un total de 41.317 persoas voluntarias que día a día aportan o seu tempo e dedicación á mellora da sociedade.
R.