A Consellería de Educación recoñece o traballo de dez centros co premio Proxecta de innovación educativa 2018

No referido á categoría B, dirixida aos centros públicos integrados (CPI), institutos de educación secundaria (IES), centros integrados de formación profesional (CIFP) e centros públicos de educación e promoción de adultos, o primeiro premio foi para o IES de Cacheiras (Teo), o segundo para o CPI Uxío Novoneira (Pedrafita do Cebreiro) e os terceiros para o CPI Plurilingüe de Vedra (Vedra) e o IES Sánchez Cantón (Pontevedra). A maiores, concedeuse un accésit ao IES Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova). A dotación total dos galardóns ascende a 28.000 euros; os primeiros obteñen 6.000 euros cada un, os segundos 4.000 e os terceiros 2.000 euros.
Colaboración co resto das Consellerías
O Plan Proxecta -que o curso pasado chegou a 515 centros sostidos con fondos públicos e preto de 123.000 alumnas e alumnos– crea un marco xeral de cooperación grazas ao esforzo doutras consellerías. Así intégranse nun mesmo espazo de referencia as iniciativas dos diferentes departamentos da Xunta para o fomento da innovación educativa, establecendo ademais uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns para a creación de proxectos innovadores que desenvolvan competencias clave e educación en valores.
Trátase de propiciar dinámicas que favorezan a innovación nos propios centros a través de 43 programas externos que aglutinan a maioría de entidades do Goberno galego e unha entidade do Goberno do Estado, con programas dirixidos ao ámbito educativo que buscan potenciar a motivación e o traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado nos proxectos.
R.