Volve a Santiago 'Ciencia Singular': II Xornada de Portas Abertas na Rede de Centros Singulares da USC

Ao longo da 'II Edición de Ciencia Singular' os visitantes participarán en distintas actividades, como charlas de divulgación, obradoiros científicos ou experimentos infantís, así como encontros con especialistas ou demostracións de tecnoloxías desenvolvidas nos centros.
O futuro é tecnolóxico.
No CiTIUS trabállase no desenvolvemento de novas tecnoloxías informáticas en distintas áreas, como a Intelixencia artificial, a Supercomputación, a Robótica ou a Nanosensórica. Todas elas contan con múltiples aplicacións no eido das ciencias da computación, mais tamén en ámbitos como a industria manufactureira, a seguridade, a sanidade ou o transporte, sempre co obxectivo final de mellorar a nosa calidade de vida.
A Química: unha ciencia interdisciplinar para o século XXI
A Química é unha das ferramentas máis poderosas coas que conta a sociedade para afrontar os desafíos presentes e futuros. O compromiso diario do CiQUS en campos como a saúde (Química Biolóxica e Médica) ou a industria (Materiais Funcionais, Catálisis) permitiu que en só oito anos o centro se consolidara como referente de investigación multidiscilplinar, na fronteira entre a Química, a Biomedicina e a Ciencia de Materiais.
Enfermidades crónicas e medicina molecular
O CiMUS traballa na prevención, comprensión e tratamento das enfermidades crónicas en áreas como Cancro, Endocrinoloxía e Nutrición, Trastorno Cardiovascular, Neurociencias, Xenética e Xenómica Funcional, Terapias experimentais ou Bioestatística. Xunto co Hospital Clínico Universitario de Santiago, o centro está integrado no IDIS, un Instituto de Investigación Sanitaria acreditado polo Ministerio de Sanidade.
Ciencia para tódolos públicos
A participación nesta xornada é completamente gratuíta e require inscrición previa a través do formulario web disposto pola organización. O programa está deseñado para visitar os tres centros ao longo do día (mañá e tarde) en diferentes franxas horarias.
Os tres centros da RCSI están financiados polo Programa de axudas competitivas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia.
R.