Ir o contido principal
iniciar sesión

Os 10 festivais de música asociados á marca FEST Galicia suman preto de 200.000 asistentes

Os 10 festivais de verán asociados este ano á marca FEST Galicia congregaron preto de 200.000 asistentes, que foron así mesmo os receptores das diferentes actividades de promoción e concienciación desenvolvidas baixo esta iniciativa da Xunta para promover o territorio galego como destino musical seguindo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.

PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival son os 10 eventos asociados a esta primeira temporada de FEST Galicia, que naceu como un proxecto transversal do Goberno autonómico e reforza o apoio que xa se lles estaba brindado aos festivais mediante a convocatoria anual de subvencións. Na que foi a súa experiencia piloto, a marca tivo presenza neles mediante diferentes accións coordinadas pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), en colaboración directa coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Secretaria Xeral da Igualdade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Materiais reciclados

Un stand versátil, cun deseño inspirado nas estruturas dos propios escenarios dos festivais e para o que se empregaron materiais reciclados, centralizou esta actividade na meirande parte dos casos, sumando 130 horas de atención e información ao público. Ademais, a marca difundiuse brindándolles a súa imaxe a varios escenarios, mesas de debate e outras actividades culturais paralelas.

Ao tempo que se apoiou a programación musical con perspectiva de xénero e a incorporación de mulleres a todas as categorías profesionais da organización destes encontros, FEST Galicia contou coa implicación da Secretaría Xeral de Igualdade no marco na campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual. Neste sentido, varios dos festivais dispuxeron de persoas de seguridade identificadas con chalecos de cor violeta e de persoal especializado para informar sobre como actuar en caso de agresións. Difundiuse con este fin un decálogo contra a violencia sexual, en liña cunha nova aplicación móbil desenvolvida pola Xunta, ademais de promover o lema da campaña mediante propostas lúdicas, como os obradoiros de estampaxe de camisetas.

Lingua e mocidade

O espazo FEST Galicia acolleu tamén a iniciativa O galego crea ambiente, ideada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover o valor da lingua galega como parte do noso patrimonio, xunto coa cultura e o medio natural. Esta dobre mensaxe transmitiuse co obxectivo de convidar a mozos e mozas a relacionarse de xeito responsable co medio e a facelo en galego. Nun ambiente lúdico, convidouse os asistentes a participar en probas de improvisación e coñecemento do galego, así como a achegar as súas ideas sobre como promover a nosa lingua entre a xente nova de cara á elaboración do primeiro Plan de Dinamización da Lingua Galega entre a Mocidade.

A este público mozo dirixíronse, así mesmo, varias iniciativas de promoción do Carné Xove e de difusión dos programas que ten en marcha a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

No caso da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entre outras, desenvolvéronse accións divulgativas por parte de monitores con formación específica, que incidiron na importancia de contribuír á sustentabilidade ambiental deste tipo de eventos. Neste sentido, púxose á disposición do público asistente diversas tipoloxías de contedores para garantir unha recollida e xestión axeitadas dos residuos que se xeraron.

Industria cultural

A posta en marcha de FEST Galicia reflectiuse tamén no apartado das industrias culturais, ámbito no que a Agadic, en colaboración coa Universidade de Santiago, promoveu a elaboración de estudos dos impacto económico e social de cinco dos festivais: PortAmérica, Resurrection Fest, Sinsal, SonRías Baixas e Revenidas. Os seus informes, xa presentados, están a ser o punto de partida para o deseño de novas medidas que redunden nos valores que FEST Galicia promove, como é o caso da redacción dun manual de boas prácticas para estes eventos, que se está a elaborar en colaboración coa Asociación Empresarial Festivais de Galicia.

En estreita relación con esta medida, a medio prazo desenvolverase un selo distintivo que recoñeza e lles dea visibilidade aos festivais profesionais organizados con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social, fixando así mesmo os requisitos que deberán reunir os eventos FEST Galicia nas próximas convocatorias públicas de adhesión. Igualmente, será de moita utilidade no inicio dos traballos cara á elaboración dun plan estratéxico para este sector, de novo en colaboración directa cos seus representantes.
R.