Galicia expón no salón SIMO a súa iniciativa para consolidar unha educación integramente dixital

Vazquez explicou que Abalar iniciou a súa andaina en 2010 cun enfoque integral, proporcionando aos centros educativos: o equipamento e a conectividade; contidos dixitais; accións de formación e difusión para docentes e familias; canles de participación a través de espazos web e aplicacións para docentes e familias.
No curso 2015-16 Abalar avanzou na súa evolución coa implantación nos primeiros centros da iniciativa de E-Dixgal para estender o libro dixital no ámbito educativo galego e avanzar na consolidación dunha educación integramente dixital.
Máis contidos, servizo premium e redes ultrarrápidas
Neste curso 2018-19, un total de 267 centros, un 73% máis que o curso pasado, e preto de 18.000 alumnos empregan o libro dixital e se benefician do paquete de melloras que se comezou a implantar de xeito progresivo o pasado curso: a incorporación dun terceiro provedor de contidos e dun novo provedor da materia de Inglés; a posta en marcha do servizo de creación de contidos educativos dixitais, a entrada en funcionamento do Servizo de Atención, Soporte e Acompañamento Premium para familias, alumnado e profesorado, así como da mellora da conectividade en todos os centros públicos de primaria e secundaria.
Ademais, a Administración autonómica está a licitar un acordo marco que permitirá a adquisición de ata 30.000 equipos portátiles durante os vindeiros 2 anos. Esta fórmula garante a dispoñibilidade de equipos en función das necesidades e a evolución da iniciativa nos centros, e a homoxeneidade do equipamento co que se dotará aos novos centros que se incorporen ao uso do libro dixital no marco do Proxecto Abalar.
A mellora das infraestruturas de telecomunicación é un aspecto clave no estratexia de innovación educativa. O 100% dos centros educativos públicos de primaria e secundaria conta neste novo curso con acceso a internet cun mínimo de 100 Mpbs, grazas a iniciativa “Escolas Conectadas”, desenvolta en colaboración co Estado cun investimento de máis de 17 millóns de euros.
R.