Ir o contido principal
iniciar sesión

Finaliza o Mundial de Xadrez Cadete celebrado en Galicia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, subliñou o acerto, en todos os sentidos, que supuxo a celebración do Campionato Mundial de Xadrez sub-8, sub-10 e sub-12, que decorreu na Cidade da Cultura do 4 ao 15 de novembro. O evento, no que participaron máis de 800 nenos e nenas de case 90 países, rematou esta tarde coa entrega dos premios aos mellores xogadores de cada categoría, nun acto no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela.

Na súa intervención durante a cerimonia, Román Rodríguez destacou o importante impacto económico que o campionato tivo para Galicia. Desde a organización, a Federación Galega de Xadrez cifraba este retorno en máis de 4 millóns de euros, principalmente para o sector turístico galego. Durante os quince días do torneo, máis de 2.000 persoas dos 5 continentes –entre xogadores, árbitros, familiares e acompañantes das federacións de cada país– tiveron ocasión de coñecer a gastronomía, e o patrimonio cultural e arquitectónico tanto de Santiago de Compostela coma doutras localidades da nosa comunidade.

O conselleiro fixo entrega, ademais, dos premios aos seis primeiros clasificados na categoría sub-10 Open, na que competiron nenos de entre 8 e 9 anos. Aproveitou a ocasión para recoñecer o esforzo dos 69 xogadores galegos –54 nenos e 15 nenas– que disputaron o Mundial. Para eles o premio non é xa estar entre os primeiros postos, asegurou, senón aproveitar ao máximo cada partida para mellorar. Un exemplo deste afán de superación é precisamente o compostelán Diego Cacheiro Blanco, que partindo do posto 118 no ranking inicial, conseguiu rematar entre os 30 mellores da categoría sub-10 Open.

A cerimonia de clausura contou coa presenza do presidente da Federación Internacional de Xadrez (FIDE), Arkady Dvorkovich, e os seus homólogos na federación española e galega, Francisco Javier Ochoa de Echagüen e Gaspar Pérez Carnero. Por parte das entidades que colaboraron co Mundial de Xadrez Cadete asistiron tamén o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e a secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez Telle, así como representantes das principais empresas patrocinadoras do evento.

O Campionato Mundial de Xadrez Cadete está organizado polas federacións galega, española e internacional de xadrez, co apoio da Xunta de Galicia –a través da Fundación Cidade da Cultura e da Secretaría Xeral para o Deporte–, o Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e o Consejo Superior de Deportes. Ademais, colaboran neste evento a asociación de empresarios Compostela Monumental, GADIS, AENA, Área Central, LaLiga4Sports e Chess24.
R.