Ir o contido principal
iniciar sesión

A Cidade da Cultura afondou en 'Contornos e contornas' na mellora do benestar e aprendizaxe nas escolas a través da arquitectura

A directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira Otero, deulles a benvida aos e ás participantes e salientou que a experiencia da Cidade da Cultura “en convivencia e irmandade” entre programación cultural, emprendemento, tecnoloxía e intercambio social convértea no “lugar axeitado” para celebrar unha xornada como Contornos e contornas —organizada pola xestora cultural ‘taller abierto’— que tivo como cerna incidir nas posibilidades da arquitectura como axente condicionante das actividades humanas e os efectos que o espazo arquitectónico ten sobre o comportamento e benestar das persoas.

Nesta primeira edición, Contornos e contornas centrou o seu obxecto de análise nos recintos educativos, coa intención de que, a través dunha aproximación atenta e detida, se acade un clima de reflexión conxunta entre profesionais da arquitectura e as ciencias sociais. Dúas disciplinas chamadas a entenderse e que evidencian, en máis dunha ocasión, que están máis desconectadas entre si do que deberan.

Fronte esta situación, a xornada procurou crear un espazo de debate sobre a necesidade de establecer unha complementariedade efectiva entre disciplinas, rexeitando o tradicional illamento metodolóxico entre arquitectos e profesionais do eido pedagóxico á hora de acometer os proxectos de escola.

Expertos en psicoloxía ambiental, pedagoxía e arquitectura

Para crear este espazo de debate e reflexión interdisciplinar, contouse nas xornadas con Ricardo García Mira, catedrático de Psicoloxía Social na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (UDC), especializado en Psicoloxía Ambiental; Julia María Crespo Comesaña, doutora en Pedagoxía e mestra de Organización Escolar na Facultade de Ciencias de Educación na Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Celestino García Braña, doutor arquitecto e mestre titular de Teoría da Arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC.

Ricardo García Mira arrancou a xornada de Contornos e contornas apuntando, desde un punto de vista científico, as claves físicas e espaciais que inflúen no comportamento social e individual; no desenvolvemento cognitivo; e no estado de saúde mental. Mentres, Julia María Crespo Comesaña incidiu nas necesidades educativas e na súa intervención procurou achegarse a como son os procesos e os elementos que constrúen un ambiente de aprendizaxe.

Pola súa banda, Celestino García Braña abordou no seu relatorio como enfrontarse a un proxecto arquitectónico para un centro educativo; os parámetros baixo os que se executa: o marco conceptual e metodolóxico; ou cales son as relación coas institucións e profesionais docentes.

Contornos e contornas rematou abrindo o debate entre os tres relatores e o público, na mesma liña da súa cerna de crear un clima de reflexión conxunta entre todas as disciplinas, arquitectónicas e sociais, que deben ser tidas en conta nos deseños de espazos arquitectónicos.
R.