Ir o contido principal
iniciar sesión

Os máis pequenos protagonizan a programación de inverno da Cidade da Cultura

Un camiño de luz inspirado nun ceo cargado de estrelas e constelacións que guiará os visitantes desde a Biblioteca e o Centro de Emprendemento ata o museo. A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, convidou os asistentes á feira en Pontevedra a achegarse ese día ao Gaiás e gozar dunha programación aberta a toda a cidadanía e pensada para vivirse en familia.

No interior do museo, un escenario recreará con rúas, prazas e casas unha vila inspirada nos nadais de diferentes épocas, onde os máis pequenos da casa aprenderán a facer adornos con materiais accesibles e naturais. Estes obradoiros están pensados para alimentar a súa creatividade, fomentando o emprego de decoracións artesanais e únicas coas que engalanar os seus fogares e a árbore da Cidade do Nadal. A cativada que se achegou ao Culturgal o sábado pola mañá puido probar xa a crear afeites con froitas propias do outono e do inverno.

Na Cidade do Nadal haberá, ademais, talleres de ilustración nos que os nenos e nenas traballarán a cor sobre un debuxo do artista vigués Federico Fernández. A través desta viaxe ilustrada, que irá medrando co paso dos días, percorreremos o Nadal ao redor do mundo. Unha exposición fotográfica sobre as festas da luz servirá tamén para coñecer como celebran estas datas noutras culturas afastadas e achegadas á vez.

A programación da Cidade do Nadal complétase co tradicional concurso infantil de postais, dirixido a cativos e cativas ata os 9 anos, e cun espectáculo para recibir o novo ano o día 3 de xaneiro na Cidade da Cultura, que será anunciado proximamente.

O cinema miúdo regresa ao Gaiás

No mes de xaneiro a programación continúa cunha nova edición de Pequefilmes, o festival de cinema que traerá ao Gaiás as mellores producións internacionais pensadas para o público máis miúdo. Pequefilmes celebrarase na fin de semana do 26 e 27 de xaneiro e contará con traballos seleccionados nos principais festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación, ademais dunha escola de cinema onde as familias poderán aprender técnicas e conceptos do audiovisual para divertirse creando xuntas pequenas películas.

Os nenos e nenas serán espectadores e xuíces neste festival, xa que a súa ollada crítica terase en conta á hora de conceder os premios ás mellores curtas exhibidas. Aquelas que foron premiadas na pasada edición de Pequefilmes puidéronse ver esta mañá no espazo audiovisual do Culturgal.

Exposicións, teatro e emprendemento

As novidades da programación cultural do Gaiás para os próximos meses inclúen tamén a quinta edición de Escenas do Cambio, o festival de inverno de teatro, danza e arte en acción, que decorrerá entre os días 7 e 16 de febreiro e a exposición Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia, unha mostra que mestura a forza creativa da artesanía galega coa vangarda máis actual e que abrirá as súas portas no mes de marzo.

O Culturgal foi tamén ocasión para coñecer os apoios que está a ofrecer a Cidade da Cultura aos novos emprendedores e emprendedoras galegos, e en especial os Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, que finalizaron a súa sexta convocatoria en novembro. Inés Rodríguez, co-fundadora de Kandoro (Premio Sixto Seco 2017), e Sabela Vilas, creadora de Boina Galega (Premio Sixto Seco 2018), contaron en primeira persoa o que supón este galardón para impulsar os seus proxectos.
R.