Ir o contido principal
iniciar sesión

O ciclo do CDG 'Gran Teatro para os máis pequenos' chega á súa fin co espectáculo 'Muiñada' e o taller 'Cántame un Conto'

A montaxe da compañía de Alba Bermúdez e Tone Martínez proponlle á rapazada de hoxe en día unha viaxe á tradición popular galega a partir da historia de Sabela e Xacobe. Os dous atópanse nun dos moitos muíños de auga, que no se tempo estaban espallados por toda Galicia, a causa dun malentendido coas quendas das muiñadas. Ao veren que non poden moer ao mesmo tempo, comezan unha discusión na que o xogo, as lendas, a tradición e a música lle achegarán ao público a historia e o funcionamento dos muíños.

Davide González dirixe este espectáculo, escrito por Ana Carreira e recomendado a partir dos seis anos de idade. Alba Bermúdez e Tone Martínez son os seus intérpretes, mentres que Anahí Taraburelli asina a escenografía e María Martínez o asesoramento de danza.

Xogos coas historias e refraneiros populares

A asistencia a Muiñada pode combinarse, previa reserva, con cadansúa sesión do obradoiro Cántame un conto, que Elea López impartirá desde dúas horas antes do comezo das funcións. Neste taller e a través do xogo coas historias e os refraneiros populares, abordaranse as técnicas de dramaturxia e o traballo coas actrices e actores, ademais de afondarse no impacto do son na construción de ambientes sobre o escenario.

As distintas modalidades de bonos e as entradas individuais están á venda no web entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Salón Teatro os días das funcións. A información e as reservas de prazas para o taller facilítanse no teléfono 881 867 229 en horario de 9,00 a 14,00 horas.

Con Muiñada e Cántame un conto chea á súa fin a programación especial de Nadal do CDG, dentro da que tamén se exhibiron no Salón Teatro Nómades, de Xarope Tulú, e Os fabulosos Cleaners, de Malasombra. Así e por terceiro ano consecutivo, o Centro Dramático Galego compartiu estas festas co público infantil, ao tempo que lles ofreceu aos seus adultos diferentes oportunidades para a conciliación familiar.
R.