O programa Principia favorecerá a contratación de 110 mozos e mozas cualificados en empresas e organismos de investigación

Conde destacou a importancia de seguir apoiando o labor dos centros tecnolóxicos para converter o coñecemento en valor de mercado para satisfacer a demanda de tecnoloxía que ten a industria e as empresas. Segundo explicou o conselleiro, o desenvolvemento de proxectos de I+D permitiu que Galicia fora en 2017 a segunda Comunidade Autónoma de España onde máis creceu o gasto de I+D no eido empresarial, triplicando o esforzo que está a facer o resto do Estado.
Para acadar este reto a Xunta conta con diversos programas como as axudas do Principia que se publicaron hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), en concreto, a cuarta convocatoria desta iniciativa destinada a impulsar a contratación de persoal mozo e cualificado por parte de empresas e organismos de investigación, para abordar actuacións de investigación, desenvolvemento e innovación. O obxectivo é conseguir que os centros tecnolóxicos poidan incorporar talento e novos investigadores ao seu cadro de persoal.
Cun orzamento de 1,1M€, o obxectivo é favorecer a contratación de 110 persoas durante un período mínimo dun ano, para o que se outorgarán axudas de 10.000 euros por contrato. O prazo de solicitude rematará o próximo 11 de abril.
Como principais novidades da convocatoria destacan que se diminúe o número máximo de contratos a conceder por entidade (serán dous en vez de cinco, aínda que se hai remanentes poderase chegar a un máximo de cinco en vez dos 10 da última edición) para incrementar o número e variedade de tipoloxías de entidades beneficiarias; mellórase o reparto porcentual de beneficiarios entre empresas e organismos de investigación; auméntase a puntuación en aspectos como formación e capacitación de persoal ou por contratación de mulleres. Ademais, ampliarase o prazo de presentación de solicitudes ata tres meses.
Nas tres edicións anteriores, e, segundo explicou Conde, este programa pioneiro lanzado en 2016 xa ten permitido a contratación de 366 profesionais de ata 35 anos en actividades de I+D+i. Así, a Xunta promove a incorporación, atracción e retención de talento en Galicia, e asegura unha capacitación integral das persoas especializadas en I+D+i que reforce a absorción do coñecemento, a empregabilidade e dinamice a capacidade do sistema innovador galego.
Apoios á dixitalización
A Consellería de Economía, Emprego e Industria conta ademais con axudas á dixitalización das pemes ás que este ano se destinan 5 millóns de euros. A primeira das convocatorias tamén saíu hoxe publicada no DOG, cun prazo de solicitude que remata o 15 de marzo. En xuño estímase publicar unha segunda.
O reto, en palabras do conselleiro, é fortalecer con estes programas unha maior colaboración entre todos os actores do sistema para que Galicia poida liderar proxectos innovadores. Para o titular de Economía, é preciso seguir impulsando un maior aliñamento do traballo que realizan os centros tecnolóxicos coas necesidades do tecido industrial, xa que hoxe en día actúan como auténticas unidades de I+D+i para os sectores estratéxicos da economía galega e para as pequenas e medianas empresas que non poden dispoñer destes medios por si mesmas.
Neste campo, a Xunta tamén conta cos Contratos-Programas que a Xunta asina cos centros tecnolóxicos e que en 2018 acadou un orzamento de 1,8 millóns; coas 23 Unidades Mixtas de Investigación nas que participan os centros tecnolóxicos; cos apoios do Interconecta e Conecta Peme nos que se levan investidos 34,5 millóns en 213 proxectos; ou co traballo de estudo que a Xunta desenvolve en colaboración co Atiga no Observatorio Industria 4.0. En total, desde 2009 a Xunta leva apoiado os centros tecnolóxicos galegos con máis de 131,5 millóns de euros.
R.