Ir o contido principal
iniciar sesión

O Proxecto Youtubeir@s busca “consolidar a comunidade creadora galega na rede” coa ampliación do calendario de actividades e premios con maior dotación

Asistiron tamén o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, Gumersindo Feijóo; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti San Martín Rei. O prazo de inscrición remata o vindeiro 27 de setembro.

Máis 400 persoas participaron nas edicións pasadas nos Premios Youtubeir@s, unha das liñas de acción deste proxecto que agora incrementa a súa dotación económica ao pasar dos 5.500 aos 6.500 euros así como as categorías, que suman ás de vídeo-facermos, vídeo-opinarmos e canle a de vídeo-cantarmos. Esta última é a gran novidade deste 2019 e con ela recoñecerase e incentivarase o gran talento musical que está presente en Youtube. A estas catro hai que engadir outras tantas que, un ano máis, premiarán os vídeos que destaquen en creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e calidade lingüística. Hai tamén o premio do público –chamado #propostayoutubeira–co que se impulsará por segundo ano consecutivo a interacción entre as persoas usuarias na rede social Facebook, que poderán propoñer a través do correo electrónico (proposta@youtubeiras.gal) un vídeo do que sexan seareiros/as.

Formación
Outro dos piares do Proxecto Youtubeir@s dedícase á formación, que este ano centrará parte dos seus esforzos na comunidade educativa. Aínda que se trata dunha iniciativa interxeracional, son precisamente as xeracións máis novas -as que naceron xa como nativas dixitais- as que converteron Youtube nunha plataforma de encontro na que intercambiar opinións, inquedanzas ou amosar os seus coñecementos, impulsando así o concepto de youtubeir@s como novos axentes de comunicación. Por ese motivo, o proxecto achegarase ao alumnado de secundaria mediante cursos e obradoiros de formación impartidos un ano máis pola produtora Illa Bufarda e coa incorporación ao corpo docente da actriz Laura Villaverde, coñecida por ser a youtubeira Chola, It Girl; ou Marga Rodríguez Tilve, comunicadora audiovisual e youtubeira en As Cousas do Choio.

Youtubeir@s en conexión
Outra vía de traballo do programa para esta nova edición titúlase Youtubeir@s en conexión e o seu obxectivo é consolidar a comunidade de youtubeiros e youtubeiras xa existente, ampliar a súa base social, dar visibilidade ao seu traballo de creación na rede en galego e fomentar o intercambio e o debate. Con esas metas, desenvolveranse no mes de xuño na Coruña dous grandes eventos. No primeiro deles, baixo o nome de Lista de reprodución ao vivo, diferentes youtubeir@s compartirán a súa experiencia coas persoas asistentes que irán cambiando dun a outro como quen cambia de vídeo na Rede.

O segundo será a Xornada para Youtubeir@s, na cal se convoca a comunidade youtubeira galega para reflexionar sobre o panorama creativo a varios niveis (lingüístico, temático, creación de públicos), de xeito que se propicie un lugar de reflexión e conexión para tecer redes e, ao tempo, fortalecer a comunidade entre as persoas creadoras.

A estas tres liñas de acción –as actividades, os premios e a formación– cómpre engadirlles outras iniciativas de visibilización, como a acción nas redes sociais, a presenza en festivais e eventos culturais ou programas de accións de difusión da lingua que se darán a coñecer e se desenvolverán ao longo deste novo ano y outubeiro.

Organización
Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.
R.