'Firma e Filme' reúne unha vintena de produtoras e editoriais na procura de adaptacións audiovisuais de obras literarias galegas
Os representantes dunha vintena de empresas galegas dos sectores audiovisual e editorial participan hoxe no programa Firma e Filme, que está a desenvolver a súa terceira edición na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo volve organizar esta iniciativa en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e a Asociación Galega de Editoras (AGE) co fin de promover a posta en marcha de novos proxectos de adaptación cinematográfica ou televisiva de obras literarias galegas.
O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, deulles a benvida na Sala Eisenman aos representantes das empresas participantes este ano, que teñen previsto desenvolver arredor de 40 reunións bilaterais durante toda a xornada. Participan, entre outras, as produtoras audiovisuais Miolos Filmes, Agallas Films, Ollovivo, Abano producións, Milana Bonita, CTV, Ficción Producciones e Frida Films e as editoras Xerais, Galaxia, Baía Edicións, Técnicas e Gramaxe, Toxososutos, Positivas, Edebé, Tandaia e Urco.
Esta nova edición de Firma e Filme arrancou cunha convocatoria para as editoriais a raíz da que a Agadic recibiu 32 propostas de libros de diferentes xéneros e estilos susceptibles de seren levados ás pantallas en calquera formato ou xénero: animación, acción, aventuras, bélico, biopic, ciencia ficción, comedia, drama, experimental, fantástico, musical, romántico, suspense, terror, thriller, etc.
A continuación, un equipo de analistas de guión encargouse do estudo e informe dos textos para avaliar as súas posibilidades de adaptación cinematográfica ou televisiva. A partir desta análise e tras a posta en común coas empresas audiovisuais inscritas daqueles títulos que mellor encaixan coa súa liña de traballo, a organización deseñou o programa de xuntanzas que se está a levar a cabo na Cidade da Cultura.
R.