Ir o contido principal
iniciar sesión

Alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia álzanse co 'Talent Match' entre máis de 300 estudantes



Un grupo de alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) veñen de impoñerse como vencedores da competición Talent Match dentro do programa Smart People, a competición interuniversitaria do Grupo Hotusa que premia cada ano as mellores ideas estudantís para afrontar os retos do sector turístico no que participaron máis de 300 estudantes de 16 centros universitarios.

O equipo integrado por Carlos Amado, Carlos Ventoso, Juan Pérez e Pedro Prieto, alumnos de último curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira do CSHG venceu co seu proxecto 4 Rooms, unha innovadora idea que permite adaptar as instalacións dun hotel en función da demanda de aloxamento que se rexistra en cada momento.

O xurado valorou a viabilidade, innovación e posta en escena da proposta dos alumnos do CSHG que optimiza a ocupación dun hotel mediante a redistribución de espazos. Deste xeito, as tipoloxías e tamaños das habitacións poden adaptarse en cada momento ás necesidades da demanda converténdose, por exemplo, en apartamentos de tres camas e salón ou nun establecemento con habitacións dobres e júnior suites.

A Talent Match do programa Smart People contou nesta terceira edición con estudantes de universidades de toda España, das que se seleccionaron 40 escolas para a final en base á calidade dos proxectos presentados. O reto consistía en idear novos modelos de negocio, tras unha análise previa do sector turístico e hoteleiro, con propostas innovadoras que respondan e aproveiten as oportunidades de mercado.

Participaron, ademais do Centro de Hostelería de Galicia, a Universidade Rey Juan Carlos (URCJ), o Hotel Escuela Universitaria de Hotelería e Turismo de Sant Pol de Mar (EUHT), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Vigo (Uvigo), a Universidade da Coruña (UDC), o Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA), a Universidade Loyola Andalucía e a Universidade Europea de Madrid (UEM).
R.