Máis de 900 estudantes participan na segunda edición do ‘Programa Proxecta: Apuntámonos a non beber!!!’

A evidencia científica insiste que o proceso madurativo do cerebro non remata ata os 21 nas mozas e os 23 nos mozos, polo que o consumo dunha substancia psicoactiva como é o alcohol antes destas idades ten consecuencias moi negativas. Neste senso, o Programa Proxecta: Apuntámonos a non beber!!!! tamén quere chegar a toda a sociedade. Sanidade busca a concienciación das familias e a concienciación sobre á súa responsabilidade na educación libre de alcohol dos seus fillos como mínimo ata os 18 anos (idade legal). Tamén se busca promover a conciencia crítica respecto a publicidade producida arredor do alcohol e fomentar unha cultura de lecer libre de alcohol.
Fases do programa
O programa consta de tres fases que se desenvolven no segundo e terceiro trimestre do curso escolar.
Na primeira fase procédese a unha formación inicial na que se abordan temas relativos á prevención, a dependencia e mitos sobre o consumo de alcohol. A formación é impartida polas persoas responsables do programa de alcohol en menores de idade das catro xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade.
A segunda fase é a de investigación. Os participantes traballarán sobre diferentes anuncios publicitarios de bebidas alcohólicas ou promoción das mesmas para analizalos de forma crítica e coñecer as estratexias que emprega a industria para captar as persoas consumidoras.
Na terceira é última fase, o alumnado participará nun concurso podendo optar entre realizar unha campaña de contrapublicidade dalgún produto alcohólico publicitado elixido por eles mesmos ou ben facendo a análise crítica dunha campaña publicitaria dalgún produto xa comercializado. Hai dous premios para os dous mellores traballos realizados nos diferentes centros educativos.
Resultado na primeira edición
A primeira edición do Programa Proxecta: Apuntámonos a non beber!!! celebrouse durante o curso 2017-2018 coa participación de 454 estudantes dun total de oito centros de Boiro, Negreira, Cedeira e Melide, na provincia da Coruña; Monforte, Sarria e Folgoso do Courel, na de Lugo; e Viana do Bolo en Ourense.
Os gañadores foron o IES Xulián Magariños de Negreira e o IES Carlos Casares de Viana do Bolo que gozaron dun día no aquapark de Cerceda.
R.