Ir o contido principal
iniciar sesión

A actriz María Casares regresa ao Teatro Colón como protagonista de 'Despois das Ondas'

"A obra recupera unha figura imprescindíbel do teatro galego que conta con moito recoñecemento interior mais aínda descoñecida no país en que naceu e que chega agora á escena cun equipo de luxo", destacou na presentación a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei ao tempo que lembrou que a vontade do premio é promover a literatura dramática e tamén que as obras da nova creación galega cheguen aos escenarios, o que xa se contempla de maneira definitiva nas bases do premio.

Pola súa parte, o autor da obra, Ernesto Is, valorou tamén a calidade do equipo técnico e artístico que participa na montaxe e destacou a grande responsabilidade que supón "esta volta dunha actriz que sigue a ser moi querida na Coruña e é unha figura de grande importancia na cultura internacional, grande actriz de cinema, escritora, pensadora e unha muller adiantada a súa época". "É un luxo e unha ledicia inmensa que regrese a súa Coruña natal, xa que ela non puido volver en vida que o faga agora e quede para sempre", sinalou.

O director Xavier Castiñeira adiantou que a figura de María Casares é "teatro, cine e vida e proposta escénica centrouse nestes tres elementos a través da súa viaxe de volta en que se lle aparecen as lembranzas e as emocións".

No acto de presentación estiveron tamén presentes as dúas actrices que representarán o personaxe de María Casares, Belén Constenla e Nerea Brey e Sonsoles Cordón que destacaron a grandeza da personaxe e a calidade do equipo do espectáculo. Constenla, que interpreta á actriz cando regresou do exilio a Madrid, mostrou a súa alegría e nerviosismo por reencarnar a María Casares "pouca xente coñece de verdade o que era esta muller e, en especial para as persoas da Coruña, vai ser unha gran sorpresa".

A viaxe de María Casares

A nova estrea de ButacaZero e a Deputación da Coruña, Despois das ondas é unha viaxe teatral que nos guía parada a parada pola vida da grande actriz coruñesa María Casares.

Trala morte de Franco, María Casares é convidada a retornar a España corenta anos despois do seu exilio para representar a obra de Alberti El adefesio. Para a súa chegada, escolle como medio de transporte o tren, quere sentir paso a paso a chegada á terra da que tivera que fuxir. Durante esta viaxe, a diva vai recordando os episodios máis importantes da súa vida. A súa infancia na Coruña, a chegada a Madrid, a festa da república da man do seu pai -o ministro da República Casares Quiroga-, a chegada da guerra e o exilio, a chegada a París, os primeiros amores. Pouco a pouco, mentres o tren está cada vez máis preto do destino final, Casares recorda os episodios máis duros da súa vida: a morte da nai, do pai, ou do seu grande amor: Albert Camus.

A chegada a Madrid, a chegada ao teatro da España que a veu nacer significa pechar feridas vitais que permaneceran abertas durante corenta anos. Significa, tamén, poder quitarse as máscaras que nos construímos no transcurso da vida para poder sobrevivir. En resumo, non ser María Casares: ser sinxelamente María.

Cinema en directo

En escena estamos asistindo á construción dunha película, dun filme que nos fai viaxar pola vida da actriz francesa. Un set de tren deixa ver a unha actriz que vemos tamén en primeiro plano en pantalla. As imaxes da súa infancia mestúranse coas dos filmes nos que participou ou con planos de entrevistas reais que lle fixeron ao longo da súa vida. Outras secuencias mergúllannos na ledicia da festa ou na traxedia da guerra grazas a diferentes técnicas de gravación, maquetas ou xelatinas.

Unha peza teatral de corte europeísta, cunha linguaxe contemporánea que sorprenderá aos espectadores non só pola gran historia que se narra senón pola maneira en que o teatro e o cinema se mesturan en escena, precisamente para contar a historia dunha muller que viviu o cine e o teatro en primeira persoa.

Un extraordinario equipo

O coruñés Xavier Castiñeira asina a dirección deste proxecto, deseñando unha posta en escena espectacular, e liderando un equipo repleto de grandes profesionais en todos os eidos para dar vida ao gran texto de Ernesto Is, gañador do Rafael Dieste.

En escena, María Casares virá interpretada por dúas actrices: Belén Constenla, que sen dúbida é unha das actrices máis recoñecidas do noso país, e Nerea Brey. Ambas sorprenderán ao público non só polo tránsito de emocións senón tamén polo parecido coa actriz coruñesa. Completa o elenco Sonsoles Cordón, que deseña e desenvolve en escena numerosas coreografías ademais de dar vida a outros tantos personaxes que acompañaron a María Casares ao longo da súa vida. Carlos Pinilla é o encargado do fermoso e espectacular vestiario e a caracterización das personaxes.

Tamén en escena, movendo os fíos do filme que se está a gravar, teremos a un dos pioneiros do cinema en directo no noso país: o coruñés Roi Fernández (Sr. Pause Cinescapismo), que desenvolve os seus proxectos persoais a través da compañía ArtesaCía. A iluminación corre a cargo de Javier Quintana, quen asume o risco de iluminar unha obra teatral e cinematográfica ao mesmo tempo. A impecable escenografía de Beatriz de Vega, cun impresionante vagón a escala real en escena e numerosas maquetas de corte realista mergúllanos nas vías dese tren que se move pero tamén na habitación dos pais ou nunha intensa viaxe polo Guernica. Completa o círculo desta peza Esther F. Carrodeguas que asina a produción a través da compañía que comparte xunto a Xavier Castiñeira, ButacaZero.
R.