Ir o contido principal
iniciar sesión

O proxecto de loita biolóxica contra a avespa velutina gaña o primeiro premio da Galiciencia 2019

O evento estivo organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).

O proxecto merecedor do máximo galardón, entregado polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, conquistou o xurado cunha sofisticada presentación e unha sorprendente abordaxe para un problema que cada vez é máis preocupante dentro e fóra de Galicia. O stand de Nuno e Pedro estivo durante os tres últimos días protagonizado por un niño de avespa velutina e varias placas de cultivo que mostraban os resultados do seu método. Partiron da idea de buscar un axente natural para controlar a invasión deste insecto, procedente de Asia e que está destruíndo moitas abellarizas no norte da Península Ibérica desde a súa chegada no ano 2005. O controlador natural testado con éxito polos alumnos é un fungo, o Cordyceps militaris, que, segundo comprobaron, pode inocularse nos niños das avespas e alimentarse das quitinas das súas larvas, reducíndose así a súa poboación e evitando o uso de insecticidas químicos. Os estudantes propoñen o seu uso en todo o suroeste francés, o norte de España e o norte de Portugal, especialmente nas súas zonas húmidas, que é onde a velutina se instalou grazas a unha perfecta adaptación ao clima atlántico europeo.

O segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira científica vasca homóloga da Galiciencia, a Zientzia Azoka, correspondeulle ao sistema de acendido intelixente para vehículos acoplado a un alcoholímetro, que evita que persoas cunha taxa superior á permitida poidan conducir ebrias bloqueando automaticamente, e sen opción a manipulalo, o arrancado do motor. Baixo o nome “Se bebes, non conduces”, Pablo Páramo, do Colexio Maristas Santa María de Ourense, propúxose contribuír a paliar a causa maioritaria dos accidentes de tráfico: o consumo de alcol e drogas. O seu enxeño incorpora un sensor que vai directamente conectado ao móbil do condutor e que, en caso de que a proba de alcolemia dea positivo, pregúntalle ao usuario se quere un taxi e chámao de xeito automático.

En terceiro lugar quedou Iria González, do Campamento tecnolóxico T2W de Tecnópole. Esta estudante ourensá demostra que a aparente base de azar do programa de televisión “The Wall” é falsa. Neste programa, lánzase unha esfera en caída libre dentro dunha máquina de máis de 12 metros de altura para determinar a cantidade de diñeiro que o concursante recibirá. En teoría, é o azar o que decide onde aterra a esfera entre as 15 zonas de recepción que ten asignada unha suma de capital, pero Iria demostra que as probabilidades de cada zona non son iguais e que estas varían segundo a zona de lanzamento. A alumna recibiu 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses na Semana da Ciencia.

Mencións especiais

De xeito complementario, entregáronse varias mencións especiais por categorías. Na categoría especial de saúde e bos hábitos resultaron gañadores Roi Santos e Sofía Prieto, do Colexio SEK-Atlántico de Poio (Pontevedra). A súa proposta dunha cadea de comida rápida saudable, orgánica e personalizada para cada cliente foi a mellor valorada entre os proxectos dedicados á temática especial desta Galiciencia. Health&So permite que tanto os pedidos como o pago se leven a cabo a través dunha aplicación móbil. O cliente crea un perfil introducindo toda a información persoal necesaria: altura, peso, alerxias, intolerancias ou calquera outra necesidade médica, así como a súa dieta (se é vexetariano/a, vegano/a, etc.). A partir disto, a aplicación crea e encarga un menú adecuado ás súas necesidades nutricionais.

O proxecto de concienciación sobre a protección solar de Andrea Lage e Noa Fernández, do IES María Casares de Oleiros (A Coruña), fíxose co recoñecemento á mellor presentación e comunicación oral. Conscientes dos problemas de saúde causados pola exposición ao sol, as alumnas quixeron coñecer que percepción ten a poboación e cales son os seus hábitos de fotoprotección. Da súa investigación despréndese que compre difundir mellor as claves dun bronceado intelixente e concienciar da perigosidade da exposición ao sol fóra de praias e piscinas.

Como proxecto máis innovador, foi premiado “ComunicaTEX”, creado por María Buceta e María Seoane, do IES A Xunqueira II dePontevedra. A súa proposta consiste en aplicar as utilidades dos wereables –nome co que se coñecen os téxtiles con algún tipo de elemento electrónico incluído– como elementos de inclusión social. As dúas estudantes crearon materiais e-téxtil capaces de axudar a comunicarse a persoas con diversidade funcional mediante sons e luces.

Por último, o estudo sobre a ecoloxía e distribución da donacilla cornea na Ría de Aldán de alumnas do Colexio Alborada de Vigo foi distinguido polo método científico e proceso de investigación mellor definido. Sara Regades e Lucía Navarro decidiron investigar este bivalvo das rías galegas que case non está estudado e que en Andalucía estivo a piques de desaparecer pola súa extracción indiscriminada. A donacillanon ten interese comercial, pero si valor ecolóxico polo que representa en biodiversidade e funcionalidade no ecosistema. As alumnas recolleron mostras na praia de Vilariño para obter datos sobre as súas tallas, fenotipos e índice de estabilización da cuncha, etc.
R.