Ir o contido principal
iniciar sesión

A Xornada BBC (billarda, bolos celtas e chave) reivindica os xogos tradicionais en Silleda

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá na Xornada de Xogos Tradicionais Galegos Concentración BBC (Billarda, Bolos Celtas e Chave) que se celebrou no Recinto Feiral Semana Verde de Silleda. O mandatario galego defendeu o “dereito inalienable do neno” de xogar polo que a Xunta de Galicia promove “unha educación para os nosos pequenos na que o deporte sexa unha disciplina imprescindible”. Neste sentido destacou o programa Xogade que ademais desta xornada xunta 15 modalidades deportivas dentro da actividade deportiva escolar e que conta con 126.350 nenos nenas mutualizados. “Deste xeito damos cumprimento a un dos nosos obxectivos prioritarios: fomentar e estender o deporte educativo e saudable a toda a sociedade dende as idades máis temperás”, dixo.

Nas súas verbas, o secretario xeral reivindicou a billarda, os bolos celtas e a chave, así como todo o deporte popular como parte fundamental “do noso patrimonio etnolúdico, o xeito que temos os galegos e as galegas de relacionarnos coa xente a través do deporte”.

Na xornada de hoxe participaron un total de preto de 300 nenos e nenas de 13 centros educativos da provincia de Pontevedra -CPI O Toural de Vilaboa (21), CEIP Coirón Dena de Meaño (35), CEIP Quintela de Redondela (16), CEIP Tirán de Moaña (14), CPR Abrente de Sanxenxo (25), CPR San José de Pontevedra (22), CEIP Ramón Valenzuela de Bandeira (19), CEIP Pérez Viondi da Estrada (57), CEIP Xeve de Pontevedra (16), CEIP Foxo da Estrada (11), CEIP Froebel de Pontevedra (15), CPR San Fermín de Caldas (25) e o CEIP Rocío de Vigo (20)-.

Na actividade levada a cabo desde as 10,15 horas da mañá ata as 17,00 do serán, os escolares puideron xogar á billarda, bolos celtas, chave, loita, futsal 6 e petanca. Do mesmo xeito entre as 12,30 e as 13,20 tivo lugar unha actividade de acción musical.
R.