Ir o contido principal
iniciar sesión

O programa 'Ler conta moito' promoverá a igualdade con actividades de animación á lectura

A Consellería de Cultura e Turismo vén de abrir o prazo para solicitar subvencións dirixidas ás bibliotecas ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, para a realización de actividades de animación á lectura destinadas á promoción da igualdade entre homes e mulleres e á prevención e sensibilización contra a violencia de xénero no marco do programa Ler conta moito.

Estas axudas xorden do acordo de colaboración asinado entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, para desenvolver as medidas previstas no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia hoxe, a Xunta destinará 150.000 euros a este fin. As bibliotecas para as cales se solicita a axuda deben programar un mínimo de dúas actividades das establecidas no Catálogo Ler conta moito 2019 e o período de programación estenderase ata o 27 de outubro de 2019.

Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán poñer á disposición dos profesionais dinamizadores as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento efectivo de cada actividades, organizar puntualmente cada función e colaborar no desenvolvemento de accións complementaria á actividade programada, para un maior aproveitamento por parte dos usuarios.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, ata o 17 de xuño.

Ler conta moito

Este programa ofrece un conxunto de actividades nas bibliotecas públicas galegas para achegar a cidadanía á lectura e á información dun xeito lúdico. As actividades incluídas nesta iniciativa son moi diversas, desde obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca ou actividades de dinamización con música, teatro e danza entre outros. Todas estas iniciativas están dirixidas a públicos específicos, como bebés de 0 a 3 anos, mozos e adultos.
R.