Ir o contido principal
iniciar sesión

CiTIUS e CiQUS reivindícanse en Europa coa adxudicación de novos proxectos de investigación transnacional

Trátase do proxecto ‘ Tecnoloxía da Linguaxe Interactiva para a Intelixencia artificial Explicable’ (‘NL4XAI’, polo seu acrónimo en inglés); un desafío para expertos en Intelixencia artificial (IA) no que participarán un total de 17 institucións de 6 países e cuxo centro neurálxico estará no CiTIUS, que asumirá a súa coordinación.

“É unha excelente noticia”, afirman fontes do centro, “que afianzará ao CiTIUS como referente europeo en dous das tecnoloxías intelixentes con maior potencial de crecemento futuro na área da IA a nivel mundial, como son a IA explicable e as Tecnoloxías da Linguaxe” e inciden na relevancia destas tecnoloxías: “a IA Explicable está no centro da estratexia europea para desenvolver unha intelixencia artificial ao servizo das persoas, e con ela preténdese involucrar aos usuarios non expertos, facilitándolles a comprensión das decisións automáticas e o axuste de sistemas intelixentes”. E engaden: “supón un paso necesario cara á humanización destes sistemas, dotándoos da capacidade para auto-explicarse”.

Nanosistemas de última xeración para o transporte de fármacos

Pola súa banda, o CiQUS achegará o coñecemento xerado na USC ao consorcio que une a 8 universidades, 4 centros de investigación e 4 empresas de 5 países (España, Francia, Italia, Alemaña e Reino Unido). Unha alianza cuxo principal labor será formar unha nova xeración de científicos de materiais, altamente especializados en nanosistemas para a liberación controlada de fármacos. “Ademais de formar parte activa na supervisión e dirección do proxecto, o noso laboratorio vai participar na dirección de tres teses doutorais, vai acoller catro estancias científicas internacionais de máis de tres meses, e organizará un workshop internacional enfocado na nanoplasmónica”, destacan os responsables de HEATNMOF.

Integrando a información rexistrada por sensores de distinta natureza

A cadea de éxito complétase cun segundo proxecto adxudicado ao CiTIUS, que representa a unha das catro universidades beneficiarias na proposta MENELAOS_NT; ata 11 institucións involucradas en toda Europa abordarán o problema crecente da exploración e xestión da nosa contorna, co propósito de apoiar no proceso de toma de decisións sobre os desafíos clave da sociedade: agricultura sustentable, coidado e protección de bosques e montes, bioeconomía, cambios ambientais, eficiencia nos recursos, ou protección da liberdade e a seguridade no marco social europeo. MENELAOS_NT afrontará o reto de combinar de maneira óptima a información proporcionada por sensores de características distintas (con resultados en diferentes escalas e resolucións e, polo tanto, cunha fiabilidade variable), co obxectivo de illar a información relevante do ruído e proporcionar así unha información máis sofisticada e fidedigna.

Un ecosistema investigador de primeiro nivel

As axudas ETN enmárcanse na acción comunitaria Redes de Formación Innovadoras (Innovative Training Networks - ITN), que teñen como finalidade formar unha nova xeración de investigadores creativos e innovadores, capaces de transformar os coñecementos e as ideas en produtos e servizos para o beneficio económico e social da Unión Europea (UE). Con elas, Bruxelas promove a creación dunha rede internacional de centros públicos e privados concibida para impulsar a formación científica de alto nivel, que permite a contratación de mozos científicos que non dispoñan aínda do título de doutor e estean nos seus primeiros catro anos de carreira investigadora (Early Stage Researchers – ESR). Trátase dunha iniciativa de extrema competitividade, xa que menos de 10 de cada 100 propostas de ETN son avaliadas favorablemente.

As novas redes, que terán unha duración total de catro anos naturais, non só ofrecerán un saldo total de 38 novas teses: tamén darán lugar a 16 encontros científicos. Asemade, os consorcios propiciarán a organización de máis de 50 actividades de formación, 30 seminarios de capacitación en habilidades complementarias (xestión, emprendemento, transferencia, comunicación…), dous encontros industriais, dúas escolas de verán e dúas escolas de outono.
R.