Boeing e a Xunta de Galicia inaugurarán en Lugo un aula móbil para divulgar a formación en matemáticas e aeronáutica
Durante a súa intervención, a directora salientou o compromiso da Xunta de Galicia co Polo Aeroespacial de Galicia, cuxo investimento público-privado total ascende a 164 millóns de euros, e recalcou o traballo conxunto entre a Xunta e o INTA para converter Rozas no centro de investigación e innovación de referencia arredor dos avións non tripulados, co obxectivo último de crear en Galicia un ámbito de especialización nun sector de intensidade tecnolóxica alta e cun gran potencial de crecemento como é o aeroespacial.
A este respecto, Argerey anunciou a colaboración entre a Xunta de Galicia e a multinacional Boeing para pór en marcha este outono un aula móbil, que terá en Lugo a súa primeira ubicación, para estimular as vocacións científico-tecnolóxicas, formando en matemáticas e aeronáutica a través da experimentación práctica, entre alumnos de primaria e secundaria.
Esta Aula Newton constitúe unha das diferentes actuacións previstas dentro do futuro programa de vocacións científico-tecnolóxicas da Civil UAVs Initiative, que a Xunta de Galicia levará a cabo en colaboración cos socios estratéxicos Indra, Babcock e Boeing para estimular as carreiras STEM entre os máis novos.
Este programa enmárcase na Civil UAVs Initiative, a iniciativa lanzada pola Xunta de Galicia en 2016 co obxectivo de desenvolver en Galicia un Polo tecnolóxico e industrial arredor dos vehículos non tripulados para uso civil, a través da diversificación dos sectores industriais cara sectores intensivos en coñecemento como o aeroespacial, con gran proxección de futuro aproveitando infraestruturas como o aeródromo de Rozas, que ofrece un espazo idóneo para a experimentación e a realización de probas.
Neste contexto, Argerey apuntou que a Xunta de Galicia seguirá apostando por este sector maduro, que inviste en I+D moi por riba da media nacional (12%) e que produce un efecto dinamizador e acelerador da economía, xa que por cada euro investido en I+D no sector incrementa o PIB en 7 euros.
Actualmente, a Civil UAVs Initiative é a iniciativa de política de I+D+i máis importante posta en marcha a través do instrumento de contratación da Compra Pública Innovadora en España, un instrumento no que Galicia é pioneira a nivel estatal. Involucra ademais a un amplo abano de axentes, desde a Administración Xeral do Estado, a Administración Autonómica, tres grandes multinacionais -como Indra, Babcock e Boeing- así como máis de 50 axentes con contratos, entre empresas e centros de coñecemento. Así mesmo, traballan nesta iniciativa máis de 400 persoas, nos máis de 35 proxectos en execución.
R.