Científicos galegos describen un novo mecanismo que facilita a metástase no cancro de mama

No traballo ‘POU1F1 transcription factor promotes breast cancer metastasis via recruitment and polarization of macrophages’, o equipo describe que a presenza da proteína POU1F1 en células tumorais de mama atrae cara o tumor a macrófagos. Estas células do sistema inmune, en condicións normais, actúan en contra dos elementos estraños que poden atacar o organismo e entre os que se atopa o tumor. Non obstante, os investigadores teñen demostrado que en presenza da proteína POU1F1 os macrófagos transfórmanse e, en lugar de actuar de xeito defensivo, colaboran coas células tumorais para facilitar a progresión tumoral e o desenvolvemento de metástase.
O equipo de investigación describe os mecanismos e os factores implicados nesta transformación dos macrófagos, abrindo a posibilidade de busca de novos tratamentos en tumores de mama con elevada presenza da proteína POU1F1. O traballo realizouse utilizando liñas celulares humanas, modelos de animais como embrións de peixe cebra e ratos, así como mostras de tumores procedentes de pacientes. O artigo asínano Samuel Seoane, Anxo Martinez-Ordoñez, Noemi Eiro, Pablo Cabezas-Sainz, Luis O. Gonzalez, Manuel Macia, Laura Sanchez, Francisco Vizoso e Roman Perez-Fernandez.
R.