Ir o contido principal
iniciar sesión

Máis de 100.000 persoas gozaron da música galega no Festival Intercéltico de Lorient

Dela formaron parte algúns dos nomes máis internacionais da nosa música, como Carlos Núñez ou Milladoiro, xunto con artistas que están a renovar a nosa tradición musical, como Davide Salvado, Xosé Lois Romero e Aliboria, Talabarte ou Tiruleque, e agrupacións que, como Xacarandaina, traballan día a día na súa recuperación, mantemento e difusión.

Galicia foi, por exemplo, a protagonista do concerto inaugural do festival, Os camiños de Breogán, un espectáculo sinfónico de música e danza tradicional coa participación de 130 artistas, que recibiu unha gran ovación do público que encheu o pasado día 2 o Théâtre de Lorient. A el asistiu o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, quen tamén participou en diferentes accións de promoción de Galicia como destino cultural e turístico, coa ollada posta na celebración do próximo Xacobeo 21.

75.000 persoas no Gran Desfile

Así mesmo, a presenza galega deixouse sentir con forza polas rúas de Lorient da man da Banda de Música Municipal de Silleda, a Banda de Gaitas de Forcarei, Xacarandaina e Invernía durante o Gran desfile das nacións celtas, que congregou máis de 3500 artistas de Asturias, Bretaña, Cornualles, Escocia, Illa de Man, Irlanda, Gales e Galicia, e foi seguido en directo por unhas 75.000 persoas. Igualmente, os artistas galegos tiveron un papel principal tanto nas Noites Intercélticas, onde Abraham Cupeiro, Xacarandaina, a Banda de Gaitas de Forcarei e Invernía se presentaron no estadio de Moustoir con capacidade para 15.000 espectadores, e especialmente, na Gran Noite de Galicia do día 5 con Xosé Lois Romero e Aliboria, Tiruleque e os artistas do espectáculo Os camiños de Breogán.

Ademais dos concertos e espectáculos incluídos no programa oficial do 49º Festival Intercéltico de Lorient, desde o pavillón de Galicia reforzouse a promoción da nosa cultura con outras 56 actuacións, que supuxeron máis de 120 horas de música en directo, e con diversas actividades lúdicas, formativas e de difusión. Así, a grandiosidade da Ruta Xacobea amosouse desde este espazo a través da exposición O Camiño de Santiago. Unha experiencia contemporánea de peregrinación, na que o fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel ofrece un percorrido polo patrimonio natural e cultural, os pobos, as cidades e as paisaxes cos que se atopa o camiñante rumbo a Compostela.

Como complemento ao programa artístico, Galicia fixo gala da súa riqueza gastronómica a través da degustación de produtos típicos, ademais de promocionar a súa calidade como destino turístico, en colaboración co Clúster Turismo de Galicia.
R.