Ir o contido principal
iniciar sesión

O Gaiás convida este sábado a gozar dunha tarde en familia con espectáculos e teatro circenses na 'Cidade Imaxinaria'

Estas son só algunhas das propostas da que é xa unha das citas clásicas da programación da Cidade da Cultura –con dúas edicións anuais celebradas en primavera e verán–.

Na Cidade Imaxinaria, os máis pequenos da casa poderán gozar de catro horas ininterrompidas de diversión –de 16 a 20 horas– garantida polos malabaristas, equilibristas, saltimbanquis, clowns e outras fabulosas personaxes que invadirán o Gaiás.

Coreografía grupal como fin de festa

A programación de espectáculos de acrobacias, teatro ou marionetas –fixos e itinerantes por todo o complexo– complétase con xogos de enxeño e outros espazos lúdicos pensados para deixar voar a imaxinación da cativada.

Ademais, como novidade desta edición, Cidade Imaxinaria despedirá a tarde cunha multitudinaria coreografía grupal na que todo o público está convidado e participar. Para poder dalo todo na pista de baile, ao longo da tarde desenvolverase un obradoiro no que aprender os sinxelos pasos que despois centos de persoas interpretarán de xeito conxunto guiadas por un grupo de bailaríns e bailarinas.

Escola de saltimbanquis e espazo para bebés

A xa tradicional Escola de saltimbanquis da Cidade Imaxinaria non faltará tampouco á súa cita co agosto compostelán e volverá despregar os seus catro espazos para deixar saír sen medo o intrépido acróbata que todo neno e nena leva dentro: zona de malabares, zona acrobática, zona de aéreos e zona de equilibrios.

A programación da tarde complétase cun espazo para bebés de 0 a 3 anos, con diversos xogos e instalacións de estimulación sensorial, e zonas de descanso nas que repor enerxías, con postos de bebida e petiscos doces e salgados para a merenda.

Como vén sendo habitual, e para facilitar que as familias se acheguen a esta tarde festeira, contarase cun reforzo no servizo de autobuses –que se suma ás habituais Liñas 9 e 11– que conecta o Gaiás co centro de Compostela.
R.