Ir o contido principal
iniciar sesión

O 28º FIOT de Carballo exhibe 39 espectáculos durante máis dun mes de programación

Jacobo Sutil, da Agadic, expresou que a Consellería de Cultura e Turismo atopa sempre no FIOT un destino altamente rendible á hora de optimizar os recursos públicos destinados aos festivais galegos. “Uns eventos que consideramos ferramentas imprescindibles pola súa incidencia determinante como plataformas de exhibición das nosas producións artísticas, como focos de desenvolvemento profesional de todos os traballadores das industrias culturais galegas e como captadores e fidelizadores de públicos”, engadiu.

Ademais da calidade e variedade da programación de sala e de rúa, o director da Agadic destacou a participación do FIOT na coprodución de dúas novas montaxes galegas: Medida x medida, de PT Excéntricas; e O electo, de Contraproducións e a catalá Focus, así como a colaboración directa cunha terceira (Chicas y chicos, da compañía madrileña El Sol de York). Tamén quixo salientar “o traballo de fondo” realizado polo festival durante toda a súa traxectoria “cos seus pioneiros apartados de formación, de diálogo interprofesional, de proxección exterior, de atención a novas linguaxes e formatos ou de tratamento específico aos distintos públicos”. Sumouse, así mesmo, ao recoñecemento á actriz galega Patricia de Lorenzo, distinguida polo festival co premio Xograresa de Outono 2019.

‘Atreverse a mirar!’

Baixo o apelativo Atreverse a mirar!, o programa do 28º FIOT propón unha carteleira aínda máis aberta e inclusiva, na que os organizadores inciden na necesaria complicidade dun público que adopte unha actitude aberta e curiosa cara ao traballo teatral que se leva a cabo dentro e fóra dos escenarios, tanto por profesionais como por colectivos emerxentes, afeccionados ou de fins sociais.

A carteleira, que inclúe a estrea de 17 espectáculos (nove absolutas e oito en Galicia), dará comezo o 27 de setembro na praza do Concello cos malabares da compañía galega Xampatito Pato (Jesús Velasco) e continuará ao longo de 35 días en distintos espazos escénicos, rúas, recintos municipais e establecementos da vila. Entre os nomes de directores galegos destacados deste ano figuran Quico Cadaval, Cándido Pazó ou Tito Asorey, que compartirán protagonismo con, por exemplo, Miguel del Arco, Jordi Casasnovas, Carolina Román, Álvaro Tato, Lucía Miranda, Guillem Clua, José Padilla, Josep María Mestres, Daniel J. Meyer ou Montse Rodríguez Clusella.

O festival levará a cabo novas entregas das súas seccións habituais, como Sesións do Mercado, Rúa dos Contos, Escola do Espectador, Fiotiño, Fioteen, Zoom FIOT, Obxecto Teatral Non Identificado (OTNI), Miradas FIOT e Café con..., ademais de convocar o III Certame de Microescenas Metro Cadrado.

Como actividades especiais deste ano figuran a xornada Escena Norte Idea Carballo e unha experiencia colectiva de creación express (ambas no marco do programa interautonómico apoiado pola Xunta Camiño Escena Norte) e a exposición 30 anos do Teatro do Morcego, en homenaxe ao actor e director Celso Parada, falecido o pasado agosto.
R.