Científicos de Galicia e Houston (EEUU) avanzan na detección temperá das enfermidasdes de Parkinson e Alzheimer

Para Javier Montenegro, líder do grupo do CiQUS que validou os novos compostos sobre a proteína relacionada co Párkinson (a α-sinucleína), o valor deste traballo é dobre “non só presenta novos compostos organometálicos para a detección temperá dos agregados de amiloides, senón que propón tamén unha nova aproximación conceptual para a detección do problema”, afirma.
A nova estratexia sérvese dunha propiedade dos agregados que non fora explorada ata hoxe, alentando así o potencial desenvolvemento de novos sensores e métodos entre a comunidade científica. Como apunta Javier Montenegro, “abordar este problema mediante a anisotropía de fluorescencia supón apostar por unha nova aproximación para o diagnóstico temperán, porque nos permite detectar moito antes a formación dunha anomalía que podería estar relacionada con condicións patolóxicas moi importantes”.
Os amiloides
Os amiloides son unha familia de proteínas encargadas de distintas funcións biolóxicas, cuxo estudo resulta de especial dificultade. Aínda que polo xeral atópanse en estado soluble, sábese que en certas condicións teñen tendencia a agruparse, dando lugar a estruturas fibrosas. Estas estruturas fibrilares, xurdidas da unión de longas cadeas de amiloides, son clave no desenvolvemento de distintos trastornos e, de feito, téñense relacionado xa coa fase inicial de diferentes enfermidades neurodexenerativas –como o Alzheimer ou o Párkinson-.
Un dos membros máis coñecidos desta familia é o beta-amiloide. Os científicos estudaron amplamente as súas características nos últimos anos, xa que a acumulación desta proteína en certas rexións do cerebro é un dos selos distintivos da enfermidade de Alzheimer. Non en van, existe unha teoría coñecida como a hipótese da fervenza amiloide, que propón que a mera transición das proteínas beta-amiloide dende o seu estado soluble ata a nova estrutura en forma de fibras sinala o principio de Alzheimer.
Entender o mecanismo de agregación destas proteínas (ou o que é o mesmo, pescudar como, cando e por que estas proteínas “deciden” agregarse) é un dos principais obxectivos da investigación na área. Con todo, o estudo deste fenómeno segue sendo polo de agora extremadamente complexo, debido principalmente ao carácter dinámico do proceso: os primeiros agregados (é dicir, os primeiras oligómeros ou ‘cadeas de amiloides’ que xorden nos estadios iniciais das patoloxías neurodexenerativas), son de moi pequeno tamaño e, por tanto, difíciles de detectar.
Non están soas
A beta-amiloide non é a única proteína relacionada coas enfermidades neurodexenerativas: existe no cerebro outra proteína soluble chamada alfa-sinucleína, cuxa agregación tamén se ten relacionado co comezo da enfermidade de Párkinson. Do mesmo xeito que ocorre no caso dos amiloides, os primeiros oligómeros que se forman como consecuencia da unión da alfa-sinucleína son agregados pouco estables e moi cambiantes, o que os fai moi difíciles de detectar.
Na actualidade, os principais esforzos de investigación céntranse na detección dos primeiros agrupamentos de ambas as dúas familias de proteínas; un obxectivo prioritario e en absoluto menor, xa que podería conducir ao diagnóstico temperán destas enfermidades tan devastadoras.
Sinais de alerta en fases temperás
Ata hoxe, a aproximación química para detectar o agrupamento de proteínas amiloides no cerebro centrarase no uso de sensores baseados en moléculas orgánicas fluorescentes (como a tioflavina), que aumentan o seu brillo ao inserirse na proteína acumulada. Con todo, estes sensores fluorescentes só son quen de brillar coa intensidade idónea cando a proteína se atopa xa nun estado de agregación moi avanzado, mentres que os precursores da patoloxía (as fibras e os agrupamentos máis pequenos) pasan inadvertidos.
R.