Ir o contido principal
iniciar sesión

Galicia lidera o deporte escolar como a Comunidade Autónoma con maior participación de centros educativos (60) na Semana Europea do Deporte



O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, vén de participar na actividade deportiva organizada a través do ximnasio BeOne na Praza Maior de Ourense na que participaron uns 500 alumnos do CPR Luis Vives tras realizar unha andaina co gallo do Día Europeo do Deporte Escolar encadrado dentro da Semana Europea Do Deporte. Coa actividade deste colexio plurilingüe son preto de 60 centros educativos de Galicia os que participan desta efeméride e que converten a Galicia en líder do deporte escolar en canto a participación na Semana Europea do Deporte que se celebra do 23 ao 30 de setembro e que culmina hoxe no calendario lectivo coa celebración do Día Europeo do Deporte Escolar.

O secretario xeral apuntou a importancia que ten o deporte nas idades máis temperás para configurar unha sociedade máis activa e saudable e lembrou o Programa Xogade (Xogos Deportivo Galegos en Idade Escolar) que vén de dar comezo á súa undécima edición nesta tempada 2019/2020 como publicou o Diario Oficial de Galicia o pasado mércores. O obxectivo será superar os 126.614 nenos e nenas mutualizados na tempada 2018. Cómpre lembrar que nesta edición mantense a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os nenos e nenas de entre 6 e 16 anos que será sufragado directamente pola Secretaría Xeral para o Deporte cunha achega de 2 millóns de euros e que o Xogade conta coa colaboración de 36 federacións adheridas ao programa e dezaseis modalidades escolares coa estrea nesta tempada do piragüismo.

A Semana Europea do Deporte é unha iniciativa do Parlamento Europeo para a promoción da practica deportiva saudable nos cidadáns da Unión Europea que a Secretaria Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego e a Rede de Centros Activos e Saudables de Galicia, está a dinamizar para difundir esta mensaxe de vida activa entre os escolares galegos. Os preto de 60 centros educativos responderon a esta iniciativa, programando diferentes actividades durante esta semana e celebrando o Día do Deporte Escolar con alomenos 120 minutos de actividade física dentro do horario lectivo.

A Secretaria Xeral para o Deporte celebra a resposta por parte dos centros, demostrando que Galicia aposta polo incremento da actividade física de calidade que se realiza nos centros educativos galegos, para loitar contra a inactividade física, o sedentarismo e consecuentemente, contra o sobrepeso e a obesidade, promovendo hábitos de vida activa que perduren dende a infancia ata a vellez, vinculados aos Proxectos de Vida Activa en centros educativos escolares.
R.