O X certame de cine OUFF Escola premia a creatividade audiovisual en galego do estudantado

Valentín García valorou o esforzo realizado por profesorado e alumnado para realizar estas curtas, “que son unha mostra da creatividade e da capacidade da mocidade para expresar o que é, pensa, sente ou lle preocupa en lingua galega”. O secretario xeral tamén quixo animar “a todo o profesorado a empregar o audiovisual como vía para un ensino innovador, atractivo e comunicativo da lingua propia de Galicia”.
A que xa é décima edición do Certame de Cinema OUFF Escola outorgoulle este ano o primeiro premio na categoría de Infantil e Primaria ao traballo Agapito vai de viaxe, do CEIP Plurilingüe de Palmeira (Ribeira, A Coruña). O segundo premio recaeu en A gorra da sorte, do CPR Plurilingüe María Assumpta (Noia, A Coruña) e o Premio Blanco Amor ao mellor guión, en Medrando en dereitos, do CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu, Pontevedra).
Na categoría de secundaria, o primeiro premio de Outros niveis de ensino non universitario lle foi concedido ao IES Isaac Díaz Pardo (Sada, A Coruña) pola curta Deámoslles voz. O segundo recaeu na proposta Pulso, do IES Chan do Monte (Marín, Pontevedra). Nesta modalidade, o Premio Blanco Amor ao mellor guión correspondeulle ao filme Mans salgadas, do IES de Foz (Foz, Lugo).
OUFF Escola é un certame de cinema convocado pola Concellaría de Cultura de Ourense e pola Consellería de Cultura e Turismo no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Nacido hai dez anos, ten os obxectivos de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico.