Ir o contido principal
iniciar sesión

Un total de 79 centros públicos desenvolverán este curso o programa Biblioteca creativa

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución cos novos centros que se incorporan ao programa Biblioteca Creativa, en concreto 25 centros. Deste xeito, un total de 79 centros galegos desenvolverán ao longo do curso 2019/20 esta iniciativa, que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe da programación.

Nova incorporación

Os 25 centros públicos de infantil e primaria de nova incorporación recibirán os materiais necesarios para a construción dun mínimo de catro Escornabots, así como outros materiais precisos para a posta en marcha da iniciativa. Cómpre aclarar que os Escornabots son pequenos robots construídos sobre Arduino, a plataforma de robótica máis estendida a nivel educativo e profesional, que conta cunha ampla comunidade de persoas usuarias e desenvolvedoras, o que facilita o acceso a unha importante base de documentación para os proxectos que se realicen nas bibliotecas.

Ademais todo o software, hardware e o deseño do robot son libres. De feito, o programa realízase en colaboración cos integrantes do proxecto Escornabot, integrado en Bricolabs, asociación de fomento de investigación en tecnoloxías libres.

Continuación

Pola súa banda os 54 centros que renovan a súa participación recibirán unha asignación para ampliar o proxecto, ben sexa coa dotación dun recuncho creativo dentro da biblioteca con recursos de robótica e impresión 3D; coa adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma creativa, ou a través da formación do alumnado a través de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou outros ámbitos relacionados co programa impartidos por profesionais do eido.

Plan LÍA

Biblioteca Creativa é un programa enmarcado no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares da Consellería, que ten entre os seus obxectivos xerais o de facilitar recursos e oportunidades para a incorporación de metodoloxías activas e para a integración nos centros das tecnoloxías emerxentes. Neste sentido, un dos desafíos do Plan é o de crear nas bibliotecas un centro creativo de aprendizaxes no que o alumnado poda experimentar e investigar con todo tipo de ferramentas e recursos.

Así mesmo, entre os retos do LÍA 2019/2020 está o de favorecer a alfabetización múltiple, neste caso a través da introdución nas bibliotecas da linguaxe da programación e da cultura maker (faino por ti mesmo) en actividades destinadas a mellorar a comunicación lingüística do alumnado, a expresión oral, o razoamento lóxico, a creatividade, o traballo colaborativo e a aprendizaxe manipulativa.
R.