Un total de 31 centros educativos de Galicia imparten o STEMBach no curso 2019/2020

Pomar salientou a oportunidade que esta iniciativa supón para o alumnado, dado que lle permite achegarse a un modelo educativo máis apegado á Universidade. Así mesmo, amosouse satisfeita polo feito de que o ano pasado a porcentaxe de rapazas que cursou estes estudos foi do 50%, igualada polo tanto coa de homes. Tal e como sinalou, isto supón avanzar de xeito satisfactorio nun dos principais obxectivos da estratexia STEM do seu departamento: fomentar as vocacións científico tecnolóxicas de xeito especial entre as mulleres.
Características do STEMBach
O obxectivo deste bacharelato -enmarcado na Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020- é promover a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria, e tendo en conta a perspectiva de xénero. Ademais, favorécese unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica; así como o desenvolvemento da creatividade, do sentido da iniciativa ou do emprendemento e da resolución de problemas.
O alumnado que curse este bacharelato, -ben sexa na modalidade de Humanidades, na de Ciencias ou na de Ciencias ou Artes-, no segundo ano deberá desenvolver un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por un docente dun departamento universitario ou dun centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e será titorizado polos profesores que impartan a materia de afondamento STEM.
Así mesmo cursará unha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Esta materia será a mesma nos dous cursos coa correspondente secuenciación curricular.
O bacharelato complétase con actividades de formación -organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou con persoas investigadoras de recoñecida competencia- como conferencias, obradoiros ou proxectos.
Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha credencial da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.
R.