O Salón Teatro acolle a estrea da versión en galego do espectáculo 'Desde o invisible'
Dúas actrices interpretan máis de dez personaxes nun quebracabezas de vidas moi descoñecidas para moitos de nós, pero que tentan ser felices como o resto do mundo. Esther Aja, Nacho Martín e Victoria Teijeiro compoñen un elenco que se move na escenografía ideada por Alicia de Miguel e Ikerne Jiménez. A potencia do espectáculo reside no seu contido social tanto como na posta en escena, cunha estética sinxela que non fai concesións ao artificio nin ao sentimentalismo.A primeira das funcións no escenario do Centro Dramático Galego (CDG) será o xoves (20,30 h.) e incluirá un coloquio co equipo da compañía ao seu remate. O venres haberá dous pases matinais para escolares e, xa pola tarde, retomaranse os de público xeral, que se estenderán ao sábado e ao domingo (Día do Espectador, ás 18,00 h.). As localidades están xa á venda no web entradas.abanca.com e tamén estarán dispoñibles no despacho de billetes nos días de apertura desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.
A estadía de La Quintana no Salón Teatro complétase coa proxección da película A gran voda 2.0, realizada pola asociación de teatro inclusivo La Quinta del Arte. Rodado na madrileña praza de Lavapiés, o filme é unha falsa voda entre dúas persoas con discapacidade e nel participaron máis de 80 actores con e sen diversidade funcional (afeccionados e profesionais). Poderá verse o sábado ás 18,00 h., con entrada gratuíta.
R.

