A Xunta convocará oposicións para cubrir 1.161 prazas de Administración Xeral, ademais das 591 de emprego social

Na súa comparecencia en comisión parlamentaria para presentar o proxecto de Lei de Orzamentos para 2020 e as contas da súa consellería, Valeriano Martínez lembrou que a Comunidade Autónoma disporá o vindeiro ano dunha capacidade gasto de 10.149 millóns de euros, un 3% que neste exercicio, co que Galicia contará con 300 millóns máis que este ano e 1.400 máis que en 2016.
Ademais, o Goberno galego seguirá apostando polo reequilibrio territorial cun maior gasto per capita nas provincias orientais respecto das atlánticas, de aí que o maior investimento por habitante volva producirse en Lugo (4.252 euros per capita) e Ourense (4.096), fronte aos 3.281 euros de A Coruña e os 3.200 de Pontevedra.
Menos impostos
As contas do vindeiro ano inclúen novas baixadas de impostos e manteñen todas as que xa están en vigor. Entre as novidades, figura a rebaixa do Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) para a compra dunha vivenda no 94% do territorio galego, co obxectivo de fixar poboación no rural, así como a supresión do Imposto sobre Sucesións para as herdanzas inferiores a 1 millón de euros por herdeiro, co que o 99,9% dos galegos non pagarán este tributo cando reciban unha herdanza dun familiar directo. Tamén se aproban máis facilidades para a sucesión das empresas familiares e ponse en marcha unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF.
Ademais, en 2020 a Xunta ampliará de novo o volume de beneficios fiscais ata os 448 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,1% respecto do actual exercicio e dun 23% -84 millóns- en comparación co 2016.
Reforzo do gasto social e dos investimentos
Os Orzamentos para 2020 reforzan un ano máis o gasto social, que medra en 275 millóns respecto a este ano e acada os 7.400 millóns de euros, a cifra máis alta da historia. Estes novos recursos permitirán incrementar o gasto directo en sanidade, no ensino e nas políticas sociais, e poñer en marcha medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta Benvida. Tamén medra o capítulo de investimentos, que acada os 1.691 millóns de euros.
Xacobeo, menos débeda e empregados públicos
Nas contas do vindeiro ano tamén destaca a dotación para o Xacobeo, para o que se destinan 82 millóns para afrontar con éxito a preparación do vindeiro Ano Santo, e a redución do gasto en débeda, que baixa 22 millóns. Ademais, tamén se inclúe o crédito necesario nun fondo retributivo para elevar ata un 2,2% o salario dos empregados públicos e que se aplicará cando o Goberno central dite a norma habilitante.
R.