O sector do videoxogo en Galicia pide paso na Culturgal 2019

Manuel Meijide, vicepresidente de Videoxogo.gal, e Jacobo Sutil, director da Agadic presentan a xornada o venres 29 ás 17:30, que continúa coa mesa redonda. “O Videoxogo galego ás portas do 2020” con Miguel Areán (ePolygon), María Fernández Hermida (Desenvolvedora) Antonio Seoane (Docente da UDC), Anxo Lorenzo (director xeral Políticas Culturais, Xunta de Galicia) e Luz Castro (Videoxogo.gal), como moderadora. Ás 19:00 presentación de proxectos singulares no escenario do videoxogo galego: The Waylanders, Minimundos , Sea Bubble, Proxectos da Universidade (Odal), Revista Morcego / Podcast e MUVI.
Na Feira, un grupo de empresas dedicadas ao videoxogo conta coa súa área expositiva. O público de Culturgal atopará un espazo de cultura interactiva con DEMOS, presentación de proxectos, equipos de desenvolvemento e un convite a participar e probar produtos feitos en Galicia. A presenza da Universidade da Coruña neste espazo trae á Feira unha referencia no sector, cos seus especialistas e proxectos; ademais as empresas Gato Studio, Mundos Digitales, Polygon-e, Revista Morcego (un medio especializado desde Galicia), KST e Imaxin Software mostran o seu traballo ao gran público durante os 3 días da Culturgal 2019. “Non hai límites, non hai idades. O videoxogo xa non é o campo duns poucos, xóvenes, exclusivamente; democratizouse e na actualidade, nas diferentes plataformas, é consumido por todas as idades”, reseñan en videoxogo.gal.
Na 12ª Culturgal, a programación inclúe ademais o sábado 30 e o domingo 1 obradoiros de robótica dirixidos a público infantil e promovidos pola Deputación da Coruña. A empresa WavefunctionVR, radicada en Braga (Portugal) e centrada na realidade aumentada, con stand en 2019 na Culturgal. O público da Feira poderá gozar dos seus simuladores de realidade virtual. No Espazo Arte Contemporánea atoparémonos co stand de XOIA, unha empresa dedicada tamén á RV e RA, especialmente para proxectos expositivos e artísticos.
R.