O Plan de transporte público ampliará nun 118% a cobertura territorial dos servizos de autobús

Vázquez Mourelle concretou que no vindeiro mes de xaneiro tamén se licitará o lote de contratos pendentes, arredor de 30, para que no verán estean en funcionamento.
Subliñou que estes contratos garanten que Galicia siga a ter transporte público tras o vencemento das concesións e renovan integramente os servizos de autobús, artellando un sistema de transporte público máis sostible e eficiente para que os veciños cheguen ao centro médico, ás súas quendas de traballo ou aos seus estudos.
Fixo fincapé en que os case 130 contratos que conforman o Plan de Transporte Público de Galicia suporán un volume de negocio de 1.200 M€, dos cales 730 os achega a Xunta.
Sinalou que eses contratos incrementarán nun 118% a cobertura dos servizos de autobús, que cubrirán case 61 millóns de km ao ano, situando ao 97% da poboación galega a menos de 200 metros dunha parada.
A titular de Mobilidade tamén destacou que en 2020 se estenderán ao conxunto de Galicia as novas modalidades de transporte, compartido e a demanda, iniciadas en 2017 e que están a rexistrar unha grande acollida.
O autobús compartido, que ofrece máximas garantías aos escolares, ten permitido que 300.000 persoas aproveitasen xa as prazas baleiras dos buses escolares para facer os seus desprazamentos cotiás.
O transporte a demanda xa posibilitou que máis de 11.300 persoas chamaran á central de reservas solicitando algún servizo.
A conselleira adiantou que o novo plan tamén permitirá que os usuarios de toda Galicia se beneficien das vantaxes actuais do transporte metropolitano. Así, precisou que a medida que se poñan en marcha os novos contratos e se instalen os dispositivos de cobro, poderase pagar coa tarxeta TMG os desprazamentos en bus interurbano en toda a comunidade.
Esta extensión suporá bonificacións para todos os usuarios que terán, ademais, transbordos gratuítos; e descontos extra para viaxeiros habituais e para as familias numerosas.
Avanzou que a partir do 1 de xaneiro a tarxeta ‘Xente Nova’ se ampliará a todos os menores de 21 anos, facendo posible a gratuidade no transporte a 42.000 mozos máis que antes non a tiñan.
Ademais indicou que o novo plan posibilitará, de xeito progresivo, a extensión a todo o territorio da comunidade do uso deste dispositivo co que os menores de 21 anos realizarán de balde as viaxes no autobús interurbano.
Salientou como fito ter operativa en xullo a tarxeta ‘Xente Nova’ no territorio que engloba os primeiros 98 contratos licitados, que se porán en servizo de maneira inmediata, a maioría deles, antes do reinicio da actividade escolar en xaneiro; entre eles, eses 78 contratos asinados hoxe.
Transporte urbano Pontevedra
Por outra parte, a conselleira destacou que os novos contratos permitirán que na comarca de Pontevedra se inclúan dúas novas liñas de transporte urbano de competencia municipal que conectarán o centro da cidade con Montecelo e Monteporreiro.
Explicou que a Xunta asumirá a xestión desas liñas, integradas dentro dos novos contratos de transporte público, e o Concello se fará cargo do déficit económico que xeren.
Non obstante, precisou que este servizo de competencia municipal non é comparable co que prestan cidades como Lugo, Vigo ou Santiago, que si asumen esa responsabilidade do transporte urbano desde a Administración local.
Puxo como exemplo que o Concello de Lugo dispón de 21 liñas urbanas ás que destina 2 millóns de euros anuais, fronte ao Concello de Pontevedra, que só ofrecerá dúas liñas e nas que investirá nin 120.000 euros, un 94 % menos que o primeiro municipio.
R.