Ir o contido principal
iniciar sesión

Silleda acolle a fase final do primeiro torneo autonómico de League of Legends

Deste xeito, o sábado 21 terán lugar os oitavos de final que se disputarán de xeito simultáneo en catro espazos diferentes dentro do recinto. Xogaranse tres partidos en cada espazo, e os dous que gañen pasarán á seguinte fase. O domingo 22 disputaranse pola mañá os cuartos de final e as semifinais a partida única, mentres que pola tarde será a gran final na que o equipo gañador resultará ser o mellor de tres partidas.

Cada membro do equipo gañador será obsequiado cunha tarxeta de Riot Points, valorada en 100 euros, a través da que se poderán adquirir diversos elementos dentro do xogo, ou con outra tarxeta regalo a determinar pola organización. Os membros do equipo que quede en segunda posición recibirán material de promoción da Consellería de Política Social.

Esta fase final do I torneo autonómico de League of Legends (LOL) nos Espazos Xoves, estará aberta ao público que se atope en Silleda Park, que poderá seguir a competición na pantalla do escenario principal. Cómpre destacar que a conexión a internet e os equipos informáticos que se empregarán durante esta fase final será subministrados pola compañía R.

Transporte, aloxamento e manutención

A Xunta de Galicia ofrecerá transporte, aloxamento e manutención de carácter gratuíto aos membros dos 16 equipos clasificados para esta final. O transporte será de ida o sábado pola mañá e de volta o domingo pola tarde. Os autobuses sairán de cada un dos Espazos Xove nos que se realizou a primeira fase do torneo.

No referente ao aloxamento, os equipos clasificados poderán aloxarse nun pavillón independente do recinto, pero si é preciso que traian a súa propia tenda de acampada, saco de durmir e útiles de aseo. Así mesmo, terán acceso a duchas e lavabo. En canto á manutención, os equipos finalistas contarán con servizo de comida e cea o sábado, así como con almorzo e comida o domingo.

O Goberno galego puxo en marcha este proxecto pioneiro en Galicia, que está destinado a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos e celebrouse nos 12 Espazos Xoves xestionados pola Administración autonómica, co fin de favorecer a participación da xuventude da zona e da contorna próxima. Ademais, procura promover o coñecemento, a formación e o ocio ao redor dos videoxogos.
R.