XuvenCiencia 2020 comeza a súa andaina coa súa xornada de formación de profesorado
XuvenCiencia artéllase no curso académico 2019/2010 a partir de seis kits de investigación, que se mergullan na trazabilidade alimentaria a través de probas de ADN (DNA-Meat); miden a cantidade de proteína do leite a partir dun fotómetro móbil especialmente deseñado no campus de Lugo polo grupo XuvenCiencia (Fotometrix); pescudan todas as posibilidades da luz (Photonics Explorer); inícianse no cultivo de plantas in vitro (Vitroplant); rastrean os efectos do cambio climático nas concas hidrográficas (AquaLab); e propoñen unha introdución ao diagnóstico veterinario (Animal CSI).A sesión de apertura desta xornada ‘XuvenCiencia para profesorado’ terá lugar este venres ás 17.00 horas na sala de xuntas da Facultade de Veterinaria e contará coa participación de Montserrat Valcárcel, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, e Mercedes Novo, coordinadora de XuvenCiencia, un grupo multidisciplinar do Campus Terra no que participa profesorado das facultades de Ciencias e Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría ligado ás áreas de Química Física, Patoloxía Animal, Ciencias Clínicas Veterinarias, Xenética, Enxeñaría Agroforestal, Bioquímica ou Produción Vexetal.
Durante a sesión de mañá, docentes de Secundaria recibirán os kits XuvenCiencia e participarán en obradoiros prácticos para iniciarse no deseño de proxectos. As actividades continuarán o sábado, en horario de mañá e tarde na Facultade de Veterinaria e na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, onde proseguirá un traballo eminentemente práctico dirixido por profesorado do Campus lugués.
O proxecto XuvenCiencia incide nalgunhas das destrezas de levar a aprendizaxe científica e tecnolóxica da aula aos casos prácticos do día a día que máis se teñen en conta en avaliacións de calidade internacional como o informe PISA da OCDE. Como mostra da súa excelencia, a iniciativa desenvolvida dende o Campus Terra recibe un curso máis o apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), logo de ser valorado como o cuarto mellor proxecto dos máis de 250 de toda España presentados na categoría de ‘Creatividade e vocacións científicas’.
R.

