158 unidades máis de educación infantil e primaria, e incorporación de 240 novos profesores para o próximo curso
O reforzo no caso da educación secundaria concretarase en setembro, tendo en conta que é nese momento cando se dispón dos datos definitivos logo do peche da matrícula na totalidade dos centros, unha vez rematadas as probas de recuperación.A estas medidas súmanse outras da consellería como a iniciativa Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación dirixidas a centros públicos de primaria e secundaria (ARCO). Trátase dun instrumento de apoio aos centros para a mellora do rendemento académico que complementa os Contratos-Programa, e que lles permitirá aos centros contar con 543 docentes de apoio contratados no curso 2020-2021 (221 para Primaria e 322 para ESO).
Escolas Unitarias
Así mesmo, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial.
Tendo en conta os datos de matrícula, o vindeiro curso escolar deixarán de prestar servizo educativo 2 escolas unitarias, debido ao baixo nivel de alumnado nestes centros. Trátase, na provincia da Coruña, das EEI de Luaña (Brión, 5 matrículas) e EEI de Comiáns (A Laracha, 5 matrículas). Cómpre sinalar que a Consellería mantén, un ano máis, o criterio de que haxa como mínimo seis alumnos matriculados.
Ademais das unidades que se modifican a través da citada orde (creacións ou supresións), habilitaranse unidades específicas para facilitar o desdobramento de aulas, reforzándose especialmente a dotación de profesorado de cara ao vindeiro curso 2020-2021, para facer fronte á situación creada pola COVID-19 e adoptar deste xeito medidas de prevención e seguridade nas aulas.
Os datos globais das unidades por provincias son os que a seguir se detallan:
A Coruña, 116
Lugo, 3
Ourense, 18
Pontevedra, 21
Total, 158
R.

