Os centros educativos que o precisen poderán optar pola semipresencialidade en Bacharelato e FP de grao superior

Para dar maior flexibilidade á hora de organizarse, tamén se puxo sobre a mesa a posibilidade de que os centros instalen mamparas protectoras nas aulas ou talleres para garantir que se mantén a seguridade e a separación pertinente entre os alumnos. Esta medida xa foi avalada polo Comité Clínico. En calquera caso, Román Rodríguez reiterou o compromiso da Xunta de Galicia de incrementar o profesorado en Secundaria para facer os desdobres necesarios.
No caso das ensinanzas que comezan mañá (Infantil, Primaria e Educación Especial) non se baralla esta opción, dado que os centros xa están preparados para afrontar o curso escolar. Neste sentido cómpre lembrar que este alumnado se vai organizar en grupos de convivencia estable de ata 25 alumnos, que non precisan manter a distancia de 1,5 metros entre si. Ademais, nestes centros xa estarán mañá operativos os desdobres necesarios e traballando os 240 docentes contratados a maiores para darlles cobertura ás unidades creadas.
Como complemento e para maior apoio en casos de gromos, o conselleiro anunciou tamén a elaboración dun Plan de Continxencia para o Ensino Virtual ou semipresencial que inclúa reforzo do equipamento, formación do profesorado e contidos educativos. Este Plan será de aplicación a todas as etapas non universitarias.
Comité Educativo
Co mesmo obxectivo de garantir a calidade do ensino nesta situación excepcional, mañá mesmo someterase á aprobación do Consello da Xunta a creación dun Comité Educativo, que traballará de xeito coordinado co Comité Clínico, un órgano asesor para tomar as decisións vencelladas co desenvolvemento da actividade lectiva e avaliacións en función da evolución da situación sanitaria.
Este equipo de expertos non abordará cuestións sanitarias, reservadas para o Comité Clínico, senón que se centrará en asesorar en todo o relacionado coa metodoloxía, contidos e posibilidades de impartir docencia neste novo escenario.
Protocolo para os gromos
Aproveitando a presenza do conselleiro de Sanidade, o titular de Educación explicou tamén que xa se está a traballar na actualización do Protocolo para a xestión dos gromos (vixente desde abril). Así mesmo, habilitarase un sistema de información para toda a comunidade educativa, de tal forma que as familias poidan coñecer como se atopa a situación de contaxios no referido aos centros.
Nunha chamada á tranquilidade, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lembrou que cada centro de ensino ten un centro de saúde de referencia para todas as consultas relativas á covid-19. Ademais, no caso de haber un gromo, intervirá a Xefatura Territorial de Sanidade.
Comedores
Ademais de no estritamente educativo, Román Rodríguez quixo insistir na importancia do servizo complementario de comedor escolar, especialmente no que atinxe á conciliación da vida laboral e familiar. Neste sentido comprometeuse coas Asociacións de Nais e Pais (ANPAs) que xestionan comedores escolares a incrementar de forma substancial a contía das axudas que a Consellería lles destina anualmente, co fin de facilitar as medidas de adaptación sen que isto supoña un prexuízo para as familias no prezo do menú.
Así mesmo, a Xunta de Galicia está a traballar xa nun protocolo específico para o funcionamento dos comedores escolares, que será sometido á avaliación e asesoramento do Comité Clínico.
Un reto de país
Román Rodríguez sinalou o curso escolar é “un reto de país, no que todos estamos implicados” e que supón “unha triple responsabilidade”: sanitaria, de xestión e educativa.
Neste sentido o conselleiro quixo rematar facendo unha chamada á tranquilidade e á responsabilidade, pedindo a colaboración dos participantes no Consello Escolar de Galicia para, neste curso 2020/2021, garantir a seguridade de toda a comunidade educativa á par que se mantén o prestixio do ensino galego avalado por informe como PISA.
R.