Galicia iniciará o novo curso con todas as medidas de seguridade necesarias e co alumnado maior de 12 anos vacinado
Fixo fincapé, así mesmo, en que estamos nun escenario completamente diferente ao de setembro do ano pasado, dado que o alumnado maior de 12 anos en Galicia terá a pauta completa na semana do 13 ao 19 de setembro, coincidindo co inicio de curso e tamén está vacinado o profesorado. Neste sentido, destacou que a campaña de vacinación dos rapaces iniciouse con moito éxito, cunha resposta masiva por parte do alumnado.O titular do departamento educativo do Goberno galego propuxo na reunión de hoxe que, sen baixar a garda en ningún momento, as medidas se vaian revisando durante en curso en base ao nivel de vacinación e á evolución sanitaria, o que permitirá introducir progresivamente cambios en cuestións como por exemplo a mobilidade nos centros, actividades e extraescolares ou saídas. Neste sentido, destacou a necesidade de que o sistema educativo evolucione ao mesmo paso que o resto da sociedade na súa saída da pandemia. “Isto vai ir en beneficio do benestar do conxunto da comunidade educativa e da recuperación da vida cotiá no sistema”, sinalou, poñendo en valor “a responsabilidade e a exemplaridade de todos os seus membros no cumprimento das normas ao longo do curso pasado, que permitiu que os centros fosen lugares seguros”.
De feito, o total de membros afectados pola covid ao longo do curso 20-21 foi dun 3,7% do total dos integrantes da comunidade educativa, por debaixo do conxunto da poboación galega. Ademais, preto do 90% dos casos positivos rexistrados xa se atopaban en situación de corentena preventiva no momento de seren diagnosticados, o que reflicte que os sistemas de prevención e detección precoz empregados ao longo de todo o curso funcionaron de xeito correcto.
Román Rodríguez lamentou, unha vez máis, a falta de compromiso do Ministerio de Educación e FP, que non transfire fondos para que as CCAA fagan fronte aos sobrecustos que a pandemia supón no relativo á adquisición de material (máscaras, xel...), o reforzo da limpeza ou a contratación de profesorado, entre outros. Tal e como fixeron tamén todas as comunidades, insistiu en que os fondos europeos previstos non responde ás necesidades inmediatas do sistema.
Recuperar espazos como bibliotecas
Galicia cumpriu xa o ano pasado co obxectivo de acadar a presencialidade nas aulas, reto que se propoñen este ano o Ministerio e a maioría das comunidades autónomas, que non puideron conseguilo no curso 2020/21. En calquera caso, e dado que a distancia en Secundaria se reduce a 1,2 metros segundo o marcado polo Goberno Central, o conselleiro confiou en que se poidan recuperar moitos dos espazos –como bibliotecas ou salas de usos múltiples– que foron empregados o ano pasado para que todo o alumnado puidese asistir a clase de xeito presencial. “O obxectivo é recuperar a maior normalidade posible de xeito progresivo na vida dos centros e da comunidade educativa”, sinalou o conselleiro
Debate serio e sen contradicións
Román Rodríguez explicou que Galicia traballa con evidencias, coñecemento e investigación, sempre en coordinación e co aval das autoridades sanitarias e do Comité Clínico. Engadiu, ademais, que este novo curso se vai seguir mantendo en funcionamento o Comité Educativo, formado por membros e expertos da comunidade escolar, que avalía e toma decisións sobre os principais asuntos en materia de ensino no marco da pandemia.
Así as cousas, no transcurso da reunión o conselleiro incidiu na necesidade de que os protocolos e as medidas de seguridade sanitarias e a súa evolución ao longo do curso escolar se aborden no marco dun debate serio sempre en diálogo constante coas CCAA.
As mellores ratios de España
A este respecto, chamou a non caer en mensaxes contraditorios arredor de cuestións como as distancias de seguridade e as ratios, lembrando que as ratios nas aulas están fixadas polo Goberno central e non cambiaron nin coa pandemia nin coa nova lei educativa recentemente aprobada. Ademais, matizou que en Primaria as medidas se manteñen sen cambios respecto do curso pasado a través dos grupos burbulla.
Como apuntou, Galicia ten, xunto con Estremadura, a mellor ratio alumno/profesor de España con Estremadura (9,2 fronte á media estatal de 11,3) e o 70% das aulas de Infantil e Primaria galegas está por debaixo de 20 alumnos.
R.

