140 millóns de euros para o ensino e 2.095 docentes para blindar a seguridade sanitaria e a calidade educativa neste curso

Neste contexto, Román Rodríguez recalcou que o ensino galego vai contar “con todos os recursos necesarios” tanto no que atinxe a profesorado como á dotación orzamentaria extraordinaria, para afrontar o terceiro curso escolar da pandemia.
Contratación de profesorado
No que atinxe ao profesorado, o titular de Educación avanzou que este ano haberá un total de 2.095 contratacións para atender as “necesidades reais” do sistema, o que, en palabras do conselleiro “supón un importante esforzo económico e organizativo” por parte da comunidade autónoma ao non contar desta vez con transferencias do Estado para as necesidades da covid, xa que os fondos europeos -segundo explicou- non poden destinarse á contratación do profesorado específico de adaptación.
Estas 2.095 contratacións concrétanse en 1.250 profesores de reforzo do Plan Recupera, 220 docentes para asegurar os grupos burbulla nas etapas de Infantil e Primaria, 290 docentes para atender a oferta de ESO, Bacharelato e FP, 225 novos para atender os desdobres destas etapas de Secundaria e, como novidade por primeira vez neste curso, tamén se incorporan outros 110 profesores para reforzar a dixitalización do ensino (a través do Plan Dixital de Centro) e a rede de orientación.
Así pois, o ensino público en Galicia terá este ano máis profesores que no último curso prepandemia, e nun contexto en que hai 6.000 alumnos menos no sistema. Factores como a demografía, a flexibilización das medidas sanitarias (co paso do 1,5 ao 1,2 metros de distancia en secundaria fixado no protocolo estatal) e a falta de recursos específicos por parte do Ministerio “condicionan o escenario respecto ao pasado curso, que lembremos foi totalmente excepcional e atípico”, explicou o conselleiro. “Malia á falta de compromiso real e de concreción do Goberno central, imos preservar os estándares de calidade do noso sistema educativo e os recursos necesarios para garantir a seguridade nas aulas, como xa fixemos no curso pasado”, reiterou ante a Cámara autonómica.
Reforzo orzamentario
Ademais, a contía de reforzo para facer fronte ás necesidades derivadas do contexto covid neste curso elévase a un total de 139,9M€. Deles, a partida máis elevada -un total de 82,1 millóns- están destinados ás adaptacións esixidas e neles inclúense os 10M€ do Fondo de Reserva de Garantía Educativa, que se incrementa nun 40% respecto ao pasado curso.
Outros 43,8 millóns corresponden a fondos europeos dirixidos a avanzar nas competencias dixitais, á modernización da Formación Profesional e ás unidades de acompañamento; e os 13,9 millóns restantes empréganse na contratación dos 1.250 profesores de reforzo no marco do Plan Recupera, unha acción específica para a atención educativa a aqueles alumnos cuxo aprendizaxe se viu resentido pola pandemia.
Fronte ás críticas dos grupos da oposición, a quen emprazou a que recoñezan “o que funciona ben”, Román Rodríguez puxo en valor o traballo “rigoroso e responsable” da Xunta de Galicia “para afrontar este novo curso académico coas maiores garantías” aínda que “sen baixar a garda en ningún momento”.
Resultados da última década
Así pois, o Goberno da Xunta vai seguir dotando o sistema educativo galego de todos os recursos que sexan necesarios para impulsar o modelo de calidade afianzado na última década, con resultados obxectivos como a redución á metade da taxa de abandono escolar, o liderado nos principais ránkings como Pisa ou mesmo os informes do Ministerio, e a mellor ratio de alumno por profesor de España. Nesta liña, Román Rodríguez recalcou que a proba “máis evidente” da aposta de Galicia pola educación pública é que “estamos no grupo de cabeza das comunidades autónomas con máis gasto público por alumno”.
Ademais da posta en marcha de accións específicas vinculadas á pandemia, como o xa citado Plan Recupera, o conselleiro aludiu á necesidade de “seguir apostando por programas educativos que redunden na mellora do sistema” como a recén aprobada Estratexia Educación Dixital 2030, dotada con 120M€ nos tres primeiros anos con accións de impacto para acadar transformación tecnolóxica das aulas, a ampliación do libro dixital ata chegar a 55.000 alumnos beneficiados, a introdución da Intelixencia Artificial aplicada a todos os eidos e todas as etapas do ensino, ou o reforzo do plurilingüismo.
Referiuse tamén ao impulso da Formación Profesional, non só a nivel de infraestruturas -coa ampliación da rede de centros- senón tamén con máis prazas, cun incremento da oferta, con novos proxectos de FP Dual e con novos másteres de FP enfocados á especialización e máis valor engadido.
Doutra banda, a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a Xunta está a executar este verán un total de 557 actuacións por un importe de 30 millóns de euros, o que supón actuar en máis da metade dos concellos de Galicia. Esta cifra elévase a 86,5M€ se se teñen en conta o conxunto de obras executadas, recibidas ou licitadas neste ano. A este respecto, Román Rodríguez lembrou que este curso académico non se pechou ningunha escola unitaria, senón que abriron tres centros educativos en Lugo, Sanxenxo e Coirós.
Datos educativos
O sistema educativo galego está conformado por arredor de 400.000 alumnos (187.000 escolares de Infantil, Primeira e Educación Especial que comezaron as clases a semana pasada e outros máis de 200.000 estudantes de ESO, Bacharelato, FP e Réxime Especial que inician mañá a actividade lectiva) e conta cun arredor de 1.300 centros educativos sostidos con fondos públicos.
Ademais, no presente curso hai un total de 78.713 prazas de comedor escolar (1.653 máis que o curso pasado) e seguemos a ser a primeira comunidade do Estado canto a volume de alumno transportado (máis de 85.000 alumnos este curso, segundo datos estimados).
R.